O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo experimentou un novo e significativo descenso, do 17,4%, segundo a estatística ofrecida este martes polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). O reconto oficial reporta 133 positivos, 28 menos ca onte, cando se contabilizaban 161.

No tocante á hospitalización, non houbo variacións. No Hospital Público da Mariña permanecen dous pacientes na Unidade de Coidados Intensivos (Uci), ambos ingresados por coronavirus aínda que contan xa con proba negativa.

No Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) fican catro doentes na unidade de críticos e un en planta. Non hai hospitalizados a causa da pandemia nin en Monforte nin no Virxe dos Ollos Grandes.

En domicilio detéctanse 128 casos, 28 menos có pasado día 11 de abril.

Un total de 27 persoas morreu a causa do coronavirus na provincia de Lugo, cinco delas na Mariña Lucense, segundo os datos do Sergas. Déronse ata o de agora 745 altas.

595 FALECEMENTOS E 7.820 ALTAS EN GALICIA

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade expón que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 2.322, deles 530 son da área da Coruña, 133 da de Lugo, 362 da de Ourense, 123 da de Pontevedra, 626 da área de Vigo, 461 da de Santiago, e 87 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 25 permanecen en Uci, 166 están en unidades de hospitalización e 2.131 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 7.820 persoas curadas, rexistrándose 595 falecementos. O número de PCR realizadas é de 117.001.

RESIDENCIAS

No tocante ás residencias da Mariña Lucense, o Sergas contabiliza cinco positivos entre os usuarios. Tres deles son no xeriátrico de Cervo, onde a dirección do centro de maiores e mailo goberno municipal aseguraron que estes anciáns contan xa con proba negativa. Deste xeito, ficarían dous casos activos:

USUARIOS

1 Vivenda Vilaoudriz (A Pontenova)

1 Res. Mirador del Eo (Ribadeo)