IniciosociedadeOs Concellos insisten na prevención ante o brote na Mariña: máscaras, distancia...

Os Concellos insisten na prevención ante o brote na Mariña: máscaras, distancia e lavado de mans

O alcalde de Foz pide máis medios sanitarios en verán para A Mariña, que "triplica poboación"

Publicada o

- Advertisement -

Ante o brote de positivos de coronavirus aparecido na Mariña Lucense, con ata 14 casos activos documentados polo Sergas, os Concellos de Foz, Burela, Viveiro, Ribadeo ou Xove pediron á veciñanza “non relaxar” as medidas de protección contra o virus, como o uso de máscaras ou o lavado de mans, ademais de evitar aglomeracións e de manter a distancia interpersoal.

O alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, pediu a veciños e turistas “que manteñan as precaucións e que sexan rigorosos coas medidas sanitarias, con distanciamento entre persoas e uso de máscara sempre que sexa posible”.

Ademais, Cajoto pediulle de novo ao actual presidente de Xunta de Galicia, o popular Alberto Núñez Feijóo, que “o Sergas e a Consellería de Sanidade poñan todos os medios para que o centro de saúde de Foz, nun momento no que triplicamos poboación, se dote do material e do persoal sanitario necesario; igual que ao noso Hospital Público da Mariña, centro de referencia que en tempo de verán pasa a ser para 200.000 habitantes. Necesitamos eses medios porque senón ante unha onda de contaxios como a que nos están a dicir que se produciu estamos indefensos. Seguimos esperando aínda a resposta á carta que lle enviamos porque non a recibimos. Esperamos que se teña en consideración ante estas noticias”, indicou.

BURELA ABORDARÁ A CUESTIÓN NA XUNTA LOCAL DE SEGURIDADE

O alcalde de Burela -onde apareceron casos positivos de Covid-19-, Alfredo Llano, afirmou que na xunta local de seguridade analizarase “como se pode mellorar a seguridade da poboación fronte ao coronavirus porque hai que recoñecer que na Mariña, concretamente en Xove e en Burela, temos casos positivos, xa hai alguén hospitalizado; e por tanto hai que facer unha chamada de atención porque a única maneira de evitar todo isto é coa responsabilidade individual de cada un, porque está a haber relaxación”, afirma.

Llano explicou que “un dos asuntos que vamos tratar é analizar como se pode facer para motivar e concienciar aos cidadáns porque se nos descoidamos pode haber retrocesos, o que nos volvería prexudicar moitísimo tanto individual como socialmente. Así que apelamos á responsabilidade de cada quen”.

Iniciativa en redes sociais para concienciar sobre o uso da máscara. AXM

O alcalde indicou que “en Burela hai moita xente que leva máscara, pero tamén hai outros moitos que non o fan. E as aglomeracións de xente en moitos sitios son preocupantes tamén, porque nunca se sabe onde está o coronavirus esperando. Moita da xente que agora dá positivo é asintomática. Por tanto aparentemente estamos todos perfectos pero calquera pode contaxiar”, lamenta.

Desde o centro de saúde de Burela en colaboración co goberno local iniciouse unha campaña de concienciación sobre o uso da máscara.

UNHA MULLER INFECTADA EN VIVEIRO

En relación co brote de Covid-19 xurdido no municipio de Xove e tendo en conta que unha das persoas afectadas reside en Viveiro, a alcaldesa viveirense, a socialista María Loureiro, a rexedora indicou que a veciña afectada “viña empregando todas as medidas de hixiene e seguridade establecidas, tanto na súa vida persoal como laboral; ademais, xa informou ás autoridades sanitarias das persoas coas mantivera contacto. En principio, parece que o brote xurdiu no ámbito familiar, pero xa se están realizando as probas a todas aquelas persoas que se considera que puideron estar en contacto”, concluíu.

Ante esta situación, Loureiro fixo “un chamamento a tranquilidade, pero lembrando sempre a necesidade de non baixar a garda e manter todas as medidas de protección establecidas, utilizando a máscara sempre que non sexa posible manter a distancia social, así como todas as demais medidas establecidas para preservar a seguridade e saúde pública. Esta petición para extremar as precaucións faise extensible, así mesmo, a todas aquelas persoas que chegan ao noso municipio chegadas de fóra”; salientou.

ÚLTIMAS

Colapsa unha parede do cemiterio de Barreiros deixando féretros e algunha caveira á vista

Veciños do municipio de Barreiros avisaron este venres do derrube dunha parede do cemiterio...

Sete persoas intoxicadas por monóxido de carbono nunha vivenda en Foz

Un total de sete persoas, das cales dúas son menores de idade, necesitaron asistencia...

O servizo de recollida de residuos orgánicos comezará en Viveiro o día 18 de decembro

O Concello de Viveiro informa á cidadanía de que o vindeiro día 18 de...

O Concello de Ribadeo sinala que non subirá as taxas da auga e do lixo

Ribadeo non subirá o recibo da auga e do lixo. Así o asegura Marta...