A Consellería de Política Social comunicou o positivo por Covid-19 dunha traballadora que entrou este mércores a facer unha substitución na residencia de maiores de Burela. Cinco usuarios permanecen illados nas súas habitacións tras a confirmación do caso.
Segundo informaron fontes do Goberno galego, a muller comezou a traballar ás 15.00 horas de onte e ás 16.30 horas chamárona para comunicarlle que dera positivo. A propia empregada e os compañeiros que coincidiron con ela nesa hora e media marcharon aos seus domicilios, onde permanecen á espera das indicacións médicas.
Dende Política Social fan fincapé en que nese período de tempo a traballadora tivo contacto con poucos usuarios, xa que era a hora da sesta, e que sempre estivo provista dun equipo de protección.
Con todo, os maiores que cadraron con esta persoa quedaron en illamento nos seus cuartos da residencia de titularidade pública. Son cinco en total e nos próximos días controlarase a súa evolución e faráselles unha proba PCR, indicaron as mesmas fontes. A Xunta lembra que hai uns días fíxose un cribado nas residencias de maiores, a raíz do brote de coronavirus que mantén pechados 14 concellos da Mariña Lucense, e todas as probas deron negativo.