A brasileira Cely Gayardo é a terceira incorporación confirmada polo Pescados Rubén Burela FSF. Tras nove anos, a á regresa ao equipo co que se estreou no fútbol sala español e ao que non perdeu a pista durante este período.
Tras a súa longa traxectoria en Italia e coas vitorias de tres Supercopas, tres Copas e tres Ligas no Calcio a 5, a brasileira regresa a Pescados Rubén FS “con moitas ganas. A miña primeira etapa no equipo foi moi curta. Cheguei a finais de xaneiro e non tiven todo o tempo que me gustaría e que precisaría para adaptarme ao cambio de xogo do Brasil a España”. Por suposto, a xogadora de 31 anos está disposta a chegar todo o máis alto na súa nova etapa na Mariña: “Esta vez, chego a principios de tempada, así que ese tempo vouno ter e agardo chegar canto antes ao meu máximo nivel e poder contribuír para esa etapa gañadora dos últimos anos”.
A pesar da distancia, a xogadora nunca deixou de seguir os pasos do que foi o seu equipo e polo que sente unha gran admiración. “Pescados Rubén Burela FSF é un exemplo de equipo profesional de fútbol sala, é un espello para os demais equipos arredor do mundo”, asegurou.
Confiada en que os títulos chegarían algún día ao equipo, agora a nova 23 laranxa móstrase impaciente por celebrar novas vitorias coas súas compañeiras. “Logo de tanto tempo sen poder xogar e adestrar debido ao Covid-19, non vexo a hora de volver á pista e poder facer o que máis me gusta. Síntome preparada e ilusionada ante este desafio e espero contribuír a que o Pescados Rubén Burela FSF poida seguir coa media de títulos dos últimos anos”.
DOCE XOGADORAS
Cely convértese na terceira novidade do cadro de Julio Delgado e Lucas para 2020-21, xunto á meta cántabra Sandra Buzón e a universal andaluza Elena Aragón. Ademais, continúan Jozi, Cami, Bea Mateos, Lara Balseiro, Peque, Jenny Santos, Ale de Paz, Dany e Cris.