A internacional Leti Martín Cortés (Valladolid, 1988) regresa a España e convértese na cuarta novidade de Pescados Rubén Burela FSF. A á-peche volve á liga española desde o Cagliari, despois de sete tempadas no futsal italiano.
A nova 21 do cadro laranxa, con contrato na Mariña ata 2022, cumpre así unha das súas metas, que xa lle levaba roldando pola cabeza desde hai un par de anos: “Tiña ganas de volver, de saborear a liga española de novo e de poder ser profesional do que levo facendo toda a miña vida”, afirmou.
“Son unha xogadora diferente á que se foi de aquí hai sete tempadas. vivín outras experiencias nun país diferente, con xogadoras, adestradores e equipos diferentes. Iso fai que a bagaxe sexa máis ampla e a experiencia maior. Espero estar ao meu máximo nivel o máis rápido posible e achegar o meu gran de area a nivel persoal e profesional para encarar esta ilusionante tempada logo dun momento moi duro para todos”, así volve a internacional ao seu país, con dúas Supercopas, dúas Copas e unha Liga conquistadas en Italia.
13 XOGADORAS PARA COMEZAR ESTE LUNS A PRETEMPADA
Coa chegada de Leti, o Pescados Rubén Burela FSF contará con 13 xogadoras para o traballo de pretempada, que arrincará mañá. A valisoletana súmase ás chegadas de Sandra Buzón, Elena Aragón e Cely Gayardo, nun proxecto que aposta polo bloque coa continuidade de Bea Mateos, Dany, Lara Balseiro, Ale de Paz, Jenny e Cristina, ademais de Jozi, Peque e Cami.