O PSdeG-PSOE de Mondoñedo preguntou no pasado pleno, celebrada o 31 de outubro, polo procedemento que vai seguir o Concello para a venda da Casa de Cabanela, o antigo sanatorio. Este inmoble foi adquirido en escritura pública autorizada a finais de outubro de 2019, cun importe de 450.000 euros e coa finalidade da implantación de servizos sociais no inmoble, en concreto un centro de menores.
Segundo concretaron os socialistas mindonienses, de acordo consta na plataforma do perfil do contratante realizase mediante pública subasta e procedemento aberto, da totalidade das fincas pertencentes ao edificio sito en Avenida San Lucas número 9, Mondoñedo. A licitación fíxase nun importe de 455.271,50 euros que poderá ser mellorado á alza.
A voceira dos socialistas no concello, Esperanza González, lembra que o goberno local “adquiriu este inmoble a través dun convenio co Instituto Galego de Vivenda e Solo por un importe de 450.000 euros, que o Concello ten que devolver en oito anualidades de 56.250 euros“.
O grupo socialista lembra “que se opuxo á compra deste inmoble, xa que o Concello non precisaba dun edificio destas características, tal e como agora comprobamos, nin é unha competencia municipal atender estes servizos, ademais de que o propio Concello dispón dun inmoble nesa mesma rúa”, indicou González.
COBERTURA TELEFÓNICA EN ESTELO E TRONCEDA
O PSdeG-PSOE mindoniense explica que nesa mesma sesión plenaria tamén interpelou ao goberno municipal sobre os problemas de cobertura da telefonía móbil e internet en Estelo e Tronceda, que os propios veciños denunciaron ante a Valedora do Pobo “para que foran atendidas ás súas demandas. Segundo nos transmiten a día de hoxe, xa están solventadas”, expoñen os socialistas.
Á ESPERA DE DOCUMENTACIÓN
O grupo socialista tamén rexistrou un rogo “para que lle fose entregada documentación que solicitou o pasado 1 de xuño de 2020, con número de rexistro 1479, no que solicitaba copia de 3 expedientes, que 4 meses despois aínda non fora entregada, e que foi facilitada esta mesma semana do pleno”, indica.
Por último, González trasladoulle ao alcalde mindoniense, o popular Manuel Otero, á necesidade “de colocar nos parques infantís un panel coas normas de seguridade que inclúa xel desinfectante, para poder dispoñer del nestes espazos”.