O recen creado Foro Económico da Mariña programa unha mesa redonda sobre a distribución e a comercialización do peixe para o vindeiro xoves, 21 de marzo. Celebrarase no Hotel Nordés de Burela, ás 12.00 horas.
No primeiro Foro Económico da Mariña analizaranse a situación actual e perspectivas neste sector. No evento participarán como poñentes Eduardo Míguez, director adxunto de Puerto de Celeiro; Miguel Neira, xerente de Armadores de Burela (Absa); Sergio López, da Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Lugo; así como un representante de Adexmar.
Con esta cita dan comezo as actividades do Foro Económico da Mariña, que organiza a asociación do mesmo nome, e que pretende ser un punto de unión e encontro para os empresarios da comarca.
Adrián Piñón, secretario do colectivo, explica sobre o foro que “queremos que as diferentes empresas que traballan nas lonxas principalmente de Celeiro e Burela teñan un lugar para analizar a situación actual que vive o mercado, as perspectivas que se poden atopar no curto prazo ou tratar temas como o Brexit, que afecta en gran medida á pesca”.
COLOQUIO ABERTO
Sobre o primeiro encontro, Piñón expón que “os conferenciantes relatarán a súa visión sobre o sector e despois poderán intervir todas aquelas persoas que queiran do público para facer as súas preguntas ou expoñer os seus puntos de opinión. Tras todo isto haberá uns pinchos, para que sexa todo máis ameno”, remata.