A viceportavoz parlamentaria do PPdeG, Elena Candia, reclamou este luns “sensibilidade” á Sareb, que, segundo denunciou, xa enviou os primeiros avisos de desaloxo das vivendas de protección autonómica de Burela, un total de 16 afectadas por esta decisión. Os inquilinos están ao corrente de pago e tiñan a concesión ata o ano 2029, pero co paso de mans ao chamado ‘banco malo’ iniciouse este proceso de desafiuzamento.
A tamén presidenta provincial do PP de Lugo reprochou que o Goberno central ten un 45 por cento de participación na Sareb, polo que censurou esta medida nun contexto no que, precisamente, pretende sacar adiante unha Lei de vivenda cuxo informe xurídico tombou o Consello Xeral do Poder Xudicial.
Esta decisión xudicial, subliñou Elena Candia, vén dar ” a razón” á Xunta, que ten as competencias en vivenda de protección oficial, como son as de Burela. Precisamente, ao fío dela, Candia dixo que a Xunta trata de mediar neste asunto ou podería “facer valer” o contrato na vía xudicial, para que estas familias non sexan desaloxadas.
Candia lamentou esta lei que “ía arranxar” a situación da vivenda en España mentres unha entidade participada polo Estado “está a rescindir contratos”. Así, ironizou con ese “espírito progresista e respectuoso” da lei, para concluír que dubida de que “pensen o mesmo” as familias afectadas por estes desaloxos.
“Desde o Goberno e o grupo pedimos que se respecte esta condición”, sinalou, sobre a protección autonómica que rexe nas vivendas ata 2029.