O Concello de Burela iniciou as obras de remodelación do parque de Suafonte, que pretende converter nun miradoiro do porto burelés.
O goberno local eliminou a fonte que quitaba vistas ao peirao e fará unha remodelación da zona, onde retirará tamén a zona infantil existente e instalará un novo manancial, desta volta dos coñecidos como seco ou de solo, con iluminación led e cun sistema interactivo de xogos.
“Quitar a antiga fonte era unha demanda veciñal e pensamos que esta nova, moi chamativa, vai gustar moito aos pequenos”, expón o edil de obras, Ramiro Fernández.
O executivo municipal tamén renovará a área de descanso do espazo, que contará con novos asentos.
A intención do Concello é “facer un parque atractivo para grandes e pequenos”, como reclamo para diversificar os lugares de ocio e descanso en Burela.
“Suafonte non se está a utilizar todo o que nos gustaría e o parque de Rosalía de Castro está algo saturado. Queremos descoxestionalo, porque hai moitos nenos en Burela”, indica.
O orzamento que manexaba o Concello para a obra alcanzaba os 60.000 euros, que a adxudicataria rebaixou finalmente a 43.230 máis IVE.
VESTIARIOS DA MAROSA
Fernández visitou tamén co alcalde, o socialista Alfredo Llano, as obras que se están a realizar nos vestiarios da praia da Marosa. Neste caso, o presuposto é de 14.828 euros.
As actuacións consisten na instalación dun saneamento nos cuartos de baño, unha nova rede de abastecemento de auga potable, a eliminación dalgún dos urinarios, na ampliación da zona de curas dos socorristas e na reparación das portas de acceso, ademais do pintado das instalacións.
A intención das obras é solucionar “os moitos problemas de atascos nos vestiarios, que ademais non estaban todo o ben que desexaríamos”, expón o concelleiro.
O edil de obras agarda que estas actuacións estean listas “nunha semana”.