Cajoto acusa ao PP de Foz de “enlamar” o traballo do goberno local e pídelle críticas construtivas

“Tamén lle pedimos ao señor Castiñeira que nos acompañase á Xunta, onde se supón que ten influencias, para desbloquear a situación en Foz, negándose a facelo” apunta o alcalde focense.


O alcalde de Foz, Fran Cajoto, respondeu este medio día ás críticas do portavoz municipal do PP, José Castiñeira, coas que acusaba ao alcalde de ter montado “un caos coas licenzas municipais”. Segundo Fran Cajoto “cando falta un técnico no Concello por baixa laboral é suplido desde o minuto un”, en referencia á falta de dilixencia municipal apuntada por Castiñeira.

Cajoto non dubida en cualificar de desafortunadas as declaracións do voceiro “popular” e lémbralle que “nos deixou un regalo envelenado co PXOM de 2018 pois agora temos problemas co solo urbano das parroquias e hai zonas onde non se pode construír” por estar bloqueada urbanización desas áreas.

O rexedor municipal engade: “fixemos as xestións necesarias para a legalización da captación de Cordido con diversas reunións ante Augas de Galicia, reunións ás que o señor Castiñeira rexeitou acompañarnos a pesar da influencia que se lle presupón ante a Xunta”.

Cajoto lembrou que Castiñeira “intentou bloquear cunha denuncia persoal ante o xulgado o aglomerado do estacionamento do cemiterio de Foz”. Tamén trouxo á memoria que o PP “nas eleccións anteriores presentouse sen programa de goberno, sen un proxecto para o concello”. Isto fai que “bote lama sobre os traballos do goberno actual, nós esperamos críticas positivas e non faltar á verdade”.

O alcalde focego considera que o PP local está en campaña electoralista desde o primeiro día de setembro, con todo apunta que “non sei se o señor Castiñeira volverá a presentarse ás municipais”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here