InicioCentralLourenzáUnha novela inédita de del Riego sobre a súa muller deixa ver...

Unha novela inédita de del Riego sobre a súa muller deixa ver o lado máis persoal do autor

O encontro coorganizado pola Real Academia Galega, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Lourenzá conclúe este mércores achegándose á faciana máis persoal do protagonista do Día das Letras Galegas.

Publicada o

- Advertisement -

O curso de verán Francisco Fernández del Riego na cultura galega do século XX remata este mércores en Lourenzá con novas contribucións sobre a faciana máis íntima do protagonista do Día das Letras Galegas. A profesora da Universidade de Santiago de Compostela Dolores Vilavedra presenta unha contribución sobre as amizades e as redes colaborativas do galeguismo cultural a través dos epistolarios na que reflexiona sobre a intimidade emocional que don Paco e os seus amigos varóns se manifestaban nos anos da resistencia a través das cartas, lonxe do tópico da masculinidade da época. No mesmo foro, o académico correspondente Ramón Nicolás falará dunha novela inédita de Del Riego que constitúe unha autoficción sobre os primeiros anos da súa relación coa súa dona, Evelina Hervella, con interesantes reflexións non incluídas nos seus libros de memorias.

A correspondencia cun dos seus grandes amigos, Ramón Otero Pedrayo, é o eixe da intervención da investigadora Patricia Arias Chachero; mentres que as cartas con Rodrigues Lapa sirven de sostén da análise de conexión portuguesa do homenaxeado para a contribución do académico Henrique Monteagudo, director do curso que coorganizan a Real Academia Galega, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Lourenzá co apoio da Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación.

A paisaxe na obra de Fernández del Riego será tamén motivo de análise da man da académica de número María López Sández; a profesora emérita da Universidade de Vigo Camiño Noia falará da traxectoria vital do homenaxeado en Vigo, onde alén da actividade cultural chegou a ser presidente da mesa de negociacións entre a patronal e os traballadores de Citroën; e o director da Penzol, Xosé Manuel Soutullo, deterase no seu labor nesta institución, na editorial Galaxia e na revista Grial. O programa concluirá cunha mesa redonda sobre a Xeración Galaxia cos profesores da USC Xosé Luís Pastoriza e Álex Nogueira e mais o catedrático da Universidade de Vigo Xosé Manuel Dasilva.

A SÚA DONA

Ramón Nicolás, autor dunha das biografías sobre don Paco saídas do prelo co gallo do Día das Letras Galegas 2023, mergúllase nesta ocasión na chamada escrita do eu de Del Riego, gran cultivador da letras memorialistas. E faino a través dunha serie de obras publicadas -entre as que destacan O río do tempo (1990) e Camiño andado (2003), e mais o Diario da guerra, publicado postumamente este mesmo ano- e doutras inéditas. Neste último grupo, o académico correspondente detense nunha serie de notas autobiográficas do autor conservadas; na novela Anguria nas brétemas, presentada sen fortuna ao premio literario do Centro Galego de Buenos Aires; e noutra obra narrativa, carente de título e custodiada tamén no arquivo do autor, que constitúe unha autoficción estruturada en función da súa relación coa súa dona, Evelina Hervella. A moza valdeorresa licenciada en Farmacia coa que casou en 1940 sería a súa compañeira de vida ata a morte dela no ano 2007.

“Ao meu ver, é un texto interesante que completa os escritos memorialistas do autor porque, alén de ofrecer datos novos que completan a súa biografía persoal, focaliza boa parte desas experiencia na figura de Evelina Hervella. Sempre nun segundo plano, aquí cobra realce e relevancia como a compañeira que foi de Fernández del Riego e que, probablemente o salvou dunha condena aínda maior que a que supuxo a guerra a través da compaña e o do amor”, comparte o académico correspondente.

Como na súa única novela publicada, O cego de Purmadedón, Del Riego abraza neste orixinal, de 13 capítulos desenvolvidos en 51 páxinas, a chamada literatura do eu. “Aquí fala, de novo, outro álter ego, de nome Nucho, hipocorístico de Marcelino Solovio nunha, outra vez, inequívoca homenaxe ao personaxe de Adrián Solovio da novela oteriana Arredor de si. O círculo temporal vai de 1913, data do seu nacemento, ata 1941-42, cando se instala en Vigo coa súa dona Evelina Hervella, e o relato constitúe un sorprendente ‘periplo sentimental’, tal como el mesmo nomea, noutras palabras de recendo lírico que sentencia na dedicatoria: unha ‘paisaxe arrincada á alma polos bicos amorosos da ilusión’. Dedicatoria, por certo, na que inclúe o comezo da súa redacción: ‘Nos finais de 1938, segundo da guerra’”, detalla Ramón Nicolás.

Percorrer as páxinas deste orixinal inédito -valora o investigador- fai posible un recoñecemento minucioso dos primeiros tempos da relación de Fernández del Riego e Evelina Hervella, convertida nesta páxinas en Eve Sorrosal. E, ao mesmo tempo, acceder a interesantes reflexións ou autorreflexións que o autor non empregaría posteriormente noutras obras.

Camiño Noia refírese tamén ao apoio esencial que foi para don Paco Evelina Hervella, filla dun notario da Rúa. “O matrimonio podería instalarse na Rúa de Petín, no Barco de Valdeorras ou noutro lugar de onde era ela, alí poñería unha farmacia e estaría preto dos seus. Pero veu a Vigo e non puxo botica, cedeulle o título a Domingo, o irmán de Paco, que aínda non o tiña, para que rexentase unha na rúa do Príncipe”, relata. “O xeneroso amor de Evelina foi un esteo básico na vida do galeguista emprendedor e grazas a ela e as súas renuncias puido facer o que fixo. El ben o sabía, falamos diso en varias ocasións”, conta.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...