O rexeitamento a unha segunda prórroga do convenio de colaboración para xestionar de forma compartida con Alfoz o servizo de recollida de lixo e punto limpo ampliou a fenda que agora mesmo separa a PSdeG-PSOE e BNG do Valadouro. A reedición do bipartito, frustrado apenas uns días despois da investidura do socialista Edmundo Maseda por desavinzas no tocante ás retribucións, parece hoxe imposible, tras pedir o alcalde “a demisión” dos concelleiros nacionalistas -e por ende, dos das tres forzas da oposición- por “irresponsabilidade”.
BNG, PP e Udival votaron en contra da proposta dos socialistas, o que provocará, segundo Maseda, “un dano irreparable para a veciñanza”. O rexedor explica que o convenio “permitíanos concorrer ás axudas do Fondo de Compensación Ambiental, e estabamos a conseguir, dos 120.000 euros que teñen de tope, 70.000 euros anuais, dedicando unha parte a pagar parte do contrato á empresa adxudicataria e outra cantidade a investimentos, coa compra de contedores”. Deste xeito, argumenta o alcalde, “dado que a lei di que os servizos teñen que ser autosuficientes, unha subida dos impostos aos veciños”.
A OPOSICIÓN “FAI PINZA”
Aínda que acusa ao PP de “facer pinza” co BNG, Maseda móstrase especialmente crítico cos seus anteriores socios de goberno. “Non entendo absolutamente nada do que está facendo o Bloque no Valadouro, porque non tivo ningún problema en aprobar a primeira prórroga deste convenio”, sostén, “e foi o partido que apostou pola unión dos dous municipios; agora négase a un servizo mancomunado”, censura.
“REVANCHISMO POLÍTICO”
O rexedor valadourense pregúntase se os nacionalistas “castigan á veciñanza” coas “súas inquinas persoais e revanchismo político” ou se, pola contra, se trata de que “non saben o que é un Fondo de Compensación, o imposto que se cobra por parte da Xunta entre os parques eólicos e que se reparte entre os gobernos locais, grazas ao que levamos, desde que son alcalde, sen subir as taxas da recollida do lixo”. Neste último caso, afirma Maseda, os edís “deben dimitir”, porque “ser concelleiro é máis que asistir a un pleno a figurar. Quéixanse do servizo, pero é que non ten nada que ver un convenio entre dous Concellos coa empresa que está contratada para recoller o lixo”, expón.
O CONVENIO, VIXENTE ATA O 31-D
“Cal é a alternativa agora?”, pregúntase Maseda, que precisa que o convenio está vixente ata o 31 de decembro. Deste xeito, indica que xunto con Jorge Val, alcalde tamén socialista de Alfoz, “cuantificará as consecuencias” e deixaralle a decisión sobre o camiño a seguir á comisión de seguimento.
CHAO LEMBRA QUE O PROGRAMA XA ADVERTÍA A POSTURA DO BLOQUE
Pola súa banda, o Bloque asegura que o seu voto non ten “nada que ver” co contexto de ruptura entre as dúas formacións políticas, senón á intención anunciada de que se municipalice o servizo pola súa “falta de eficiencia. Dixémolo hai tempo na comisión de seguimento e levabámolo no programa. Somos xente de palabra”, asegura o voceiro dos nacionalistas, Eduardo Chao.
Maseda afirma que o servizo “non está privatizado, pois xestionámolo nós, simplemente se contrata unha empresa; non temos funcionarios suficientes para facer iso”, remarca.
Chao sostén que o servizo “funciona moi mal. Moitos veciños mostráronnos o seu disgusto coa recollida de lixo e levamos tempo advertindo diso; esta vez incluíron o do punto limpo como cebo para tratar de facernos aprobar algo co que estamos en contra”, indica.
O voceiro dos nacionalistas valadourenses sinala que a negativa a aprobar o convenio “non ten por que supoñer que se perda unha subvención, pois eses 72.000 euros -os cales se reparten entre os dous Concellos, non son só para O Valadouro- ou outras cantidades xa se percibían antes de mancomunarse o servizo”.
Así as cousas, queda patente a difícil situación do goberno socialista, en minoría e sen retribucións. Por outra banda, semella complicado que PSdeG-PSOE e Bloque retomen as conversas para un goberno de coalición como o que rexiu O Valadouro na pasada lexislatura.
SITUACIÓN POLÍTICA ENQUISTADA
Tras pedir os nacionalistas retomar “desde cero” as negociacións, un chamamento que foi ben visto polo rexedor, o BNG solicitou no primeiro encontro a demisión da concelleira Fina Geada, ao responsabilizala da ruptura do bipartito, unha solicitude que se atopou coa negativa frontal dos socialistas.
Neste punto, as posturas continúan idénticas. “O Bloque non ten dereito a decidir sobre o que votaron os veciños. As listas do PSOE fainas o PSOE”, reitera Maseda, mentres que Chao insiste en que “non gobernamos con xente na que non confiamos“.
Así as cousas, con catro concelleiros do PSOE, outros catro do PP, dous do Bloque e un de Udival, segundo o reparto das pasadas eleccións municipais, a posición do executivo do Valadouro semella complicada.
OS ORZAMENTOS, PENDENTES
Pendente, a aprobación dos orzamentos municipais, que o executivo local prevé presentar este mes. “Garanto que presentaremos os presupostos da veciñanza, non do PSOE; veremos que nivel de responsabilidade demostra a oposición, e se despois son capaces de explicarlle ás asociacións porque non recibirán axudas”, conclúe Maseda.