InicioPolíticaAs negociacións para o bipartito do Valadouro, rotas á media hora tras...

As negociacións para o bipartito do Valadouro, rotas á media hora tras pedir o BNG a cabeza de Fina Geada

Os socialistas consideran "unha chantaxe" a petición do Bloque, que responsabiliza á edil da ruptura do anterior pacto e que "non entrará" no goberno "con xente na que non confiamos"

Publicada o

- Advertisement -

As negociacións entre PSdeG-PSOE e BNG para reeditar o goberno bipartito no municipio do Valadouro estalaron antes de que se cumprise a media hora do inicio das conversas entre os representantes de ambos partidos, no momento no que os nacionalistas pediron a demisión ou o cesamento de Fina Geada, número 2 da candidatura dos socialistas, á que responsabilizan da abrupta fin do executivo de coalición, días despois da investidura de Edmundo Maseda como alcalde.

O voceiro do BNG valadourense, Eduardo Chao, sostén que a petición do Bloque débese “á unha falta de confianza total en Geada”, que segundo a formación frontista “é a principal responsable” da ruptura do bipartito. “É unha persoa que xa rompeu o anterior pacto e non sabemos cando o pode volver facer”, indica o concelleiro nacionalista.

Chao resalta que “estamos abertos a calquera tipo de negociación” e mesmo segundo puido saber o Xornal da Mariña ao longo da conversa tratáronse temas como as retribucións ou o reparto das áreas de goberno, pero salienta que Geada “tense que ir”, tal e como demandou “por unanimidade a asemblea do Bloque do Valadouro”.

Chao resalta que a ruptura deste pacto produciuse xa investido Edmundo Maseda, polo que o BNG “cumpriu” co acordado, “ao contrario” que os socialistas. Así, asegura que “toda acción ten unha reacción” e que o PSdeG-PSOE valadourense “pode gobernar en minoría se quere, pero nós non imos entrar” no executivo local “cunha persoa na que non confiamos”.

FERIDA ABERTA POLAS RETRIBUCIÓNS

Chao atribúe a Geada a negativa dos socialistas de sacar adiante unha proposta de retribucións que contemplaba un importe de 30.000 euros brutos anuais por formación, para repartiren entre os concelleiros con dedicación de cada partido.

Mentres o BNG incide nesta cláusula do pacto -en que cada grupo tiña marxe para distribuír ese diñero como estimase oportuno– os socialistas fixeron fincapé en que se esixía a cada parte do bipartito alomenos unha liberación ou traballo a tempo completo. Así, cando Chao pediu que se lle recoñecese unha dedicación parcial pola mesma cantidade, Geada foi unha das voces máis críticas dentro do grupo socialista, dicíndolle aos nacionalistas “que se ía abster” na votación das retribucións.

O BNG fixo unha contraoferta á baixa, con 15.000 euros a repartir entre os edís con dedicación de cada partido, pero non houbo acordo.

A formación frontista apoiouse así en supostos “temas internos” do PSdeG-PSOE para xustificar a fin do bipartito. Diante desta acusación, a propia concelleira enviou un comunicado de prensa para defender a súa versión dos acontecementos, acusando á súa vez a Chao de buscar “o seu propio interese”.

MASEDA: “ISTO NON É EMPEZAR DE CERO”

O rexedor considera que “isto non é empezar de cero“, como pedía o Bloque e aceptou o grupo municipal socialista, “porque iso é aceptar os erros e buscar un entendemento”.

Maseda cualifica a solicitude dos nacionalistas dunha “chantaxe que non estamos dispostos a aceptar. Non se pode ir a unha mesa de negociación cunha condición insalvable, e menos coma esta”, sostén.

O alcalde resalta que “as listas do PSdeG-PSOE decídena os compañeiros e vótaas ou non o pobo, pero non as vai impoñer o BNG, ao igual que nos non nos metemos na súa. Iso non ten nin pés nin cabeza nin o imos consentir”, subliña.

Maseda asegura que “de haber un custo político polo que pasou”, en referencia á ruptura do bipartito, “será o que decidan os veciños dentro de catro anos ante a imaxe que se está dando do Concello”.

POSICIÓN FRÁXIL DO GOBERNO SOCIALISTA, EN MINORÍA

O rexedor salienta que “é necesario un pacto polo ben do Valadouro”, pero remarca que “estamos preparados para gobernar e tamén para ir á oposición”. Así, empraza ao Bloque “a que leve esa cláusula de novo á asemblea, xa que a decidiu a asemblea”, ou ben a apoiar unha moción de censura contra o seu goberno, que segue en minoría e sen retribucións.

Sen un pacto, as urnas deixan aos socialistas –que teñen catro edís, por catro do PP, dous do Bloque e un da formación independente Udival– cunha posición fráxil. Retomar as conversas non será doado, xa que o PSdeG-PSOE entende que é o BNG quen ten que dar un paso -retirar o veto a Geada- e os nacionalistas esperan un movemento da outra parte, a chamada a formar goberno.

Con todo, aseguran desde o BNG, a formación nacionalista “non vai apoiar mocións de censura e se ten que ir á oposición farao de xeito responsable, apoiando todo o que sexa bo para O Valadouro”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...