A cantante pontesa con raíces en Bravos Sabela Ramil quedou en cuarto lugar en Operación Triunfo (OT) tras levar o 12% dos votos do público nunha apertadísima final do programa, na que o concursante máis votado dos cinco finalistas levou só o 28% dos apoios dos telespectadores.
“Grazas por valorarme como son e valorar tamén as culturas que temos”, afirmou a intérprete galega ao coñecer o resultado.
Sabela interpretou ‘Tris tras‘, un tema de Marful, composto pola focega Ugía Pedreira.
A peza, segundo a propia autora, está inspirada pola serra da Gañidoira. “É un canto de amor apaixoado que remata cun recordatorio: hai mulleres que van pola senda da obediencia e outras que non, que berran e que mostran as súas ideas”, expón Pedreira. Sabela interpretouna coa garra que corresponde.
Ana Torroja, integrante do xurado, gabou á vocalista galega por “manterte fiel ás túas raíces” e porque a pesar diso “non deixaches de abrirte e demostrar que levas moitas Sabelas dentro”.
Natalia interpretou ‘Never enough”, Loren Allred (The Greatest Showman); Famous, “And I am telling you I’m not going”, de Jennifer Hudson; Alba, “Creep”, de Radiohead (v. Scott Bradlee’s PJ); e Julia, ‘Déjame ser”, de Manuel Carrasco.
Alba, Natalia e Famous pasaron á última rolda. Julia foi quinta, co 10% dos votos.
IDENTIDADE
Despois de ser nominada na gala 1 e logo outras dúas veces, Sabela foi sempre capaz de sobrepoñerse ás dificultades. Fíxoo cunha aposta pola identidade, cantando ata en tres ocasións en galego durante o percorrido.
FAMOUS, O GAÑADOR
Natalia quedou no terceiro lugar e a final decidiuse por un mínimo porcentaxe. Alba Reche levou o 35% dos votos e Famous, o 36%.