Repasamos, como cada venres, a axenda cultural e de ocio da fin de semana.
BURELA
O espectáculo de maxia O Baúl do Mago, que financia a Deputación de Lugo, chega este venres a Burela, con sesións ás 16.30, 17.00, 17.30, 18.00, 18.30 e 19.00 horas. A entrada é de balde.
Tamén este venres, a Fundación Eu Son celebra a segunda edición do seu festival de Nadal, que presentará a actriz mariñá Estíbaliz Veiga.
O evento contará coas actuacións de Iván Pérez, Hugo e Alberto Eiroá, a banda de gaitas de Dambara, a escola municipal de música, Mario Arranz, Big Voice, Crooner 432, Álvaro Crego, Xaco Salgado, Raúl J Torres, Arume e Batuko Tabanka.
A entrada custa dous euros e o espectáculo comezará ás 18.00 horas.
A compañía La Bicicleta presenta este sábado o musical infantil ‘Rapunzel‘, baseado na historia dos irmáns Grimm. Farao no auditorio de Burela en dúas sesións, ás 18.00 horas e ás 20.00. As entradas, a dez euros, dispoñibles aquí.
CERVO
O Callo Fest convida a desfrutar do venres a ritmo de rock and roll. O programa de concertos, a partir das 20.00 horas na Praza dos Campos de San Cibrao, inclúe actuacións de Lazy Bones, Supernatural, McKuin (tributo a Queen) e Pegas Negras.
O sábado, o cómico Oswaldo Digón ofrecerá un monólogo no auditorio sancibrense, desde as 20.00 horas.
O domingo, a partir das 19.00 horas, proxectarase no auditorio a película ‘El Rey León‘.
ESPASANTE
A Oficina de Outros Asuntos do Movemento reescribe a festa e convida a mesturar gastronomía e música con Bailar e Picar entre A Mariña e Ortegal.
O café A Escondida de Espasante acolle o evento, o sábado a partir das 21.30 horas.
O programa inclúe a actuación do DJ Zé Pequeno e a degustación de cinco variedades de faba de Lourenzá, cun prezo de entrada de cinco euros.
FOZ
O sábado, a compañía Expresión Producións ofrecerá o espectáculo de maxia e teatro infantil ‘Trío de ases‘. Comezará ás 18.30 horas, na Sala Bahía.
RIBADEO
O grupo de rock ribadense Remakers, inmersos na presentación do seu novo disco, actuarán na discoteca Rosa Lar o venres. Será a partir das 23.30 horas, con entrada a cinco euros.
A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o sábado o seu tradicional concerto ‘Aquí como en Viena‘, no teatro ás 21.00 horas. Polcas ou valses figuran entre o repertorio, ademais dalgunhas sorpresas.
Ademais, segue ubicada en Ribadeo a pista de xeo XL, que conta con Djs nas noites da fin de semana.
VEGADEO
A editorial Canela presentará o sábado na Veiga o libro ‘A Idade do Ferro‘, con 181 fotografías de José M. Salgado. O acto comezará ás 20.00 horas.
VIVEIRO
O Mago Rafa e Jeff Touissant ofrecerán unha tarde-noite de maxia e hipnotismo en Viveiro. Será o venres, ás 20.30 horas, no Teatro Pastor Díaz.
O domingo, ás 12.00 horas na biblioteca, haberá unha sesión de contacontos, para nenos a partir de cinco anos.
Fican abertos o mercado A Trastenda de Nicomedes e o belén a tamaño real ‘Viveiro ante o berce‘.
Comezan as visitas guiadas de Nadal que organiza o Concello de Viveiro. Este venres, visitarase o casco histórico e mailo belén, de 18.00 a 20.00 horas.
XOVE
A Orquestra Clásica de Xove ofrece o seu concerto de Nadal o venres no centro cívico, a partir das 20.00 horas.