As resistencias familiares, os complexos coa lingua e coa morte e tamén a falta de costume provocan que até hai relativamente pouco tempo non se colocasen epitafios en galego nas tumbas de concellos mariñaos, feito non só circunscrito á comarca. Foi en Vilanova de Lourenzá en 1982, cando se colocou o que se considera un dos primeiros textos gravados en pedra nunha tumba. Non foi até 1997 cando se soubo doutro destes textos na Mariña. En 2004 realizouse unha exposición sobre epitafios recollidos en Burela e só estaba escrito en galego o realizado en 1997. Desde esa exposición houbo un incremento destas últimas dedicatorias escritas na nosa lingua.
EXPOSICIÓN E RECOLLIDA
A Escola de Arroxo en Lourenzá é un espazo aberto con biblioteca, para compartir, e onde tamén se poden realizar exposicións. Unha delas é a mostra “Palabra e Memoria”, unha serie de vinte e tres fotografías que fan un percorrido por outros tantos epitafios en galego fotografados en distintas partes da comarca. Rosa Espiñeira, unha das persoas que está detrás da recuperación da Escola de Arroxo describe como naceu a exposición. “Foi por contacto do profesor Bernardo Penabade, que propuxo esta exposición na Escola para dar visibilidade social a un traballo que o Modelo Burela leva realizando desde hai vinte anos”.
A recollida destes textos comezou en cemiterios dos concellos de Burela, O Valadouro e O Vicedo, onde tamén se celebraron exposicións sobre esta mesma temática. A última destas mostras celebrouse na Casa da Administración de Sargadelos en 2012. No caso de Arroxo, a mostra finalizará o día 1 de xuño, cando se realice alí o XVII Agasallo a Luis Seoane, tamén como celebración das Letras Galegas, “dado que Fernández del Riego e Seoane eran amigos”.
A mostra é a culminación do traballo de campo realizado en varios cemiterios da comarca e fóra dela. Forma parte das diferentes iniciativas de dinamización lingüística do Modelo Burela “que é facer escola dentro e fóra do patio”. Nesta exposición “Palabra e Memoria” recóllense escritos de autoría popular, surxidos espontaneamente, sen planificación “de ningunha clase; palabras ventureiras, como as flores que nacen no medio das pedras”.
UN PRIMEIRO PASO E LOGO OUTROS MÁIS
Unha mostra realizada en 2004 deixou ver que o epitafio de 1997 seguía sendo o único en galego no camposanto de Burela. “Cando a xente viu esa lápida e soubo que estaba na súa vila, comezou a facer escola” di Bernardo Penabade, de Proxecto Neo.
Foron as persoas anómimas as que, por vontade propia, escribiron epitafios como “Se o ceo non existise, habería que inventalo para ti”. Un detalle a ter en conta sobre boa parte destas persoas é que “son xente con formación superior, con conviccións que permiten superar obstáculos para o avance da normalización lingüística”.
O tempo foi abrindo mentes e actitudes. Así, se os epitafios en galego non chegaban nin ao 1% hai 20 anos, hoxe, segundo avalían desde Proxecto Neo poderían estar entre o 3 e o 5%. “En Guitiriz, As Pontes, Foz e Burela superan o 10% e ademais son textos moi ben escritos, con gran calidade literaria e feitos por persoas con solvencia e seguridade no uso da lingua”.
A receptividade cara o galego foise esparexendo por toda a xeografía. Aínda así, existen prexuízos tanto coa lingua e co feito mesmo da morte. Superar “o tabú do galego xunto co tabú da morte fan que esta actividade sexa de vangarda” di Penabade en referencia a que a normalización xa podería terse dado hai moito tempo. Quedan resistencias, sobre todo nas familias, en empresas que traballan o mármore mais o principal obstáculo é a falta de costume. Sobre as frases que aparecen, hainas de creación propia mais sobre todo escóllense frases de obras clásicas, sobre todo de Rosalía de Castro e Curros Enríquez.