(VÍDEO) Xaime Miranda grava o novo clip de Dios ke te Crew en Ribadeo e Barreiros

O realizador cervense contou con intérpretes da comarca para a peza audiovisual 'Melancolía'

Miranda, á dereita, na rodaxe do videoclip. AXM

O grupo de rap galego Dios ke te Crew gravou novo videoclip, ‘Melancolía‘, no que A Mariña Lucense ten un especial protagonismo. O realizador cervense Xaime Miranda é o director do traballo audiovisual, rodado integramente nos municipios de Barreiros e Ribadeo.

Miranda contou ademais con varios mariñaos entre o equipo de rodaxe, como Iago Villarino, director de fotografía; Ramón Becerra, Ana Acevedo, o neno Iago Balseiro ou Cilia e Marcelo Villarino, que exerceron como actores.

Iago Balseiro, nun fotograma do videoclip. AXM

O director cervense agradece ao Cámping Gaivota e ao Bar Moderno, ambos situados no municipio barreirense, que cederan as súas instalacións.

É habitual que Miranda bote man de persoal e de localizacións da Mariña. O realizador cervense finalizou recentemente a gravación da curtametraxe ‘O neno e a sombra’, tamén realizada na bisbarra, e rodou na comarca un videoclip do grupo vigués Miranda.

TERCEIRO DISCO

‘Melancolía’ pertence ao novo disco de Dios ke te Crew, ‘O ciclo da serpe‘, o terceiro álbum da formación tras ‘A xénese‘ (2006) e ‘A Humanose‘ (2011).

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here