InicioCulturaAbril, artes mil na Mariña Lucense

Abril, artes mil na Mariña Lucense

Ugía Pedreira, Neira Brochs, Xosé Barro e Sesé Santiso protagonizarán as conferencias da Pomba do Arco, mentres que Tá en Artes impulsa dúas exposicións en homenaxe a Suso Peña

Publicada o

- Advertisement -

A Mariña Lucense encherase de actos neste mes de abril relacionados coa arte. As asociacións Tá en Artes e A Pomba do Arco ofrecerán de forma colaborativa un programa no que achegarán á veciñanza diferentes expresións da creación artística, como música, pintura, deseño gráfico ou banda deseñada.

A vindeira semana, entre o 8 e o 11 de abril, A Pomba do Arco organiza a quinta edición das xornadas Sentirmos a arte. O programa de charlas sobre as diferentes disciplinas desenvolveranse integramente no Cenima de Foz.

RELATORIOS

Abrirá o programa ‘A comuna del barruzo‘, o primeiro libro-disco en galego-asturiano. A cantautora focega Ugía Pedreira presentará este proxecto -que musica versos de varios poetas do EoNavia– o luns, ás 20.30 horas, na compaña do editor da obra, Abel Pérez. As ilustracións son da autoría da pintora e ilustradora mariñá Mónica Justo.

O martes, á mesma hora, será a quenda do artista plástico viveirense Xosé Luís Neira Brochs, que falará do mural cerámico. As súas obras atópanse distribuídas pola práctica totalidade da xeografía peninsular, formando un conxunto que destacan pola súa grandiosidade, expresividade e intensidade.

Cartel dos relatorios da Pomba do Arco. AXM

Nado en Viveiro en 1941, Neira Brochs é un dos poucos creadores lugueses vivos con obra exposta no museo Raíña Sofía, “traballando incasablemente desde 1960 en diversas disciplinas plásticas como a escultura, pintura, debuxo, deseño, vidro ou cerámica”, subliña a organización.

O mércores, o debate xirará sobre o cotián revisado. A pintora lucense Sesé Santiso disertará sobre o contido do seu último traballo exposto recentemente no Museo Provincial de Lugo.

Pechará os coloquios unha conferencia de Xosé Barro (Pontedeume, 1955), un referente do deseño gráfico. Autor do proxecto expositivo do centro de interpretación de San Martiño de Mondoñedo ou corenta anos atrás cartaz que serviu para convocar a marcha contra a central nuclear de Xove, a súa conferencia tratará do seu libro ‘Máis que ver. Cen historias do deseño en Galiza‘. 

MOSTRAS

As xornadas da Pomba do Arco únense ás actividades anunciadas por Tá en Artes, que dedicará o 2019 á figura de Suso Peña, ilustrador de banda deseñada, pintor, fotógrafo e docente que vén de ser recoñecido a título póstumo como Fillo Predilecto de Ribadeo.

O día 13 inaugurarase en Ribadeo unha exposición, impulsada polo Concello e a asociación, na que se dan cita uns 20 artistas e a obra do homenaxeado, co lema ‘Suso Peña, mestre de vida e soños‘.

Ademais, o Cenima acollerá a sexta edición da semana das artes da Mariña Lucense, do 17 de abril ao 18 de maio. Na mostra ‘Diálogos‘, cada artista mariñao convidará a outro de fóra da bisbarra; así, participarán creadores de León, Santander, Pontevedra ou Lugo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...