InicioCultura(GALERÍA) "A principios do século XX, todo era posible en Cervo"

(GALERÍA) “A principios do século XX, todo era posible en Cervo”

As escolas vellas cervenses, legado dos emigrantes, reabriron trala súa rehabilitación coa inauguración dunha mostra de fotografías antigas da parroquia

Publicada o

- Advertisement -

Cervo viviu o pasado domingo unha xornada de emocións coa reapertura das escolas vellas trala súa rehabilitación e coa inauguración da mostra ‘Cervo na memoria’, que luciu arredor de 200 fotografías antigas da parroquia.

Centos de veciños ateigaron o edificio para facer un percorrido pola historia da fegresía da man das imaxes, a máis antiga de 1924.

A veciñanza cervense puido contemplar como lociron noutro tempo lugares que lles son familiares, como a fábrica de cerámica de Sargadelos ou a Praza do Souto.

A EVOLUCIÓN DO SOUTO

“A evolución do Souto vese perfectamente, desde as primeiras casas que se fixeron ao lado do río. Pertencía aos Fraga, que cambiaron o terreo por outro co Concello. O goberno local trasladou o mercado desde A Senra e así foi cando comezou a medrar Cervo. Arredor diso viría o baile de Gradaílle ou O Almacén, que comezou cunha empresa construtora e seguiu como ultramarinos”.

Blas, Villares, Piñeiro e Fernández. CONCELLO DE CERVO

Quen explica o devir histórico é o mestre Francisco Piñeiro, que compilou as imaxes co mesmo mimo co que, porta por porta e aldea por aldea, entregou en man as invitacións ao acto a todos os veciños da parroquia.

A VOLTA CICLISTA DE 1929

Pero os cervenses aprenderon tamén historias que lles son máis descoñecidas. Como a da Primeira Volta Ciclista ao Concello de Cervo, que se disputou o 16 de xullo de 1929.

Volta Ciclista a Cervo, 1929. AXM

Unha imaxe de Pascual Fernández Saa retrata a proba, organizada pola comisión de festas co patrocinio económico de Manuela Goñi Maíste, viúva de José Manuel Montenegro, que daquela estaba a construír a escola de San Cibrao, inaugurada en 1931.

VÍTIMAS DA REPRESIÓN NA ARXENTINA

A mostra tamén documenta a historia de Graciela Daleo Crego, de orixe cervense e actual catedrática da Universidade de Bos Aires. Esta muller, “desaparecida” durante a ditadura arxentina, foi detida pola súa militancia montonera e retida catro anos na Escola da Armada Arxentina (ESMA). Estivo dúas veces en Cervo, en 1980 e en 1984.

Graciela Daleo Crego. AXM

A XENEROSIDADE DOS QUE MARCHARON

Trátase doutra das historias de emigración que fixeron a fegresía. Con motivo do centenario do grupo escolar, legado dos emigrantes, Piñeiro presentou a finais do 2017 o libro ‘Crónica histórico-literaria da parroquia de Santa María de Cervo’, do que a exposición vén a ser un segundo capítulo.

Imaxe dunha familia na mostra. FOTOTECA CONCELLO DE CERVO

Na súa intervención, Piñeiro agradeceu a xenerosidade dos emigrantes. “A primeiros do século XX en Cervo todo era posible, porque aboiaba no vento o espírito e o sentimento. O 25 de abril de 1909, en Bos Aires, Ramón María Fernández, Miguel e Hipólito Crego, Manuel Candia, Antonio Pardo, José Alvarez e os membros do comité local deron exemplo de unión e esforzo e decidiron combater a ignorancia e fomentar a intelixencia”, expuxo.

Interviron tamén no acto o escritor mindoniense Fran Bouso; Rafa Blas, o presidente de Airiños do Xunco, asociación cultural ás que as antigas escolas serve como sede; o alcalde, Alfonso VillaresMartín Fernández Vizoso, descendente da familia cervense emigrada a América que foi promotora das escolas, cuxo avó foi o padriño do acto de inauguración do edificio no 1917.

Dúas fotografías da exposición. AXM

 

HORARIOS

‘Cervo na Memoria’ poderá verse os días 9, 10, 11, 12, 15, 16 e 17 de abril en horario de 12.00 a 14.00 horas.

REXENERACIÓN

O acto permitiu comprobar o resultado das obras de rehabilitación do edificio, proxectadas e realizadas polo Concello de Cervo con financiamento do Plan Único da Deputación de Lugo.

As actuacións, que precisaron dun investimento de 170.000 euros, respectou a estrutura e os materiais orixinais do edificio.

Asistentes ao acto. AXM

A obra consistiu na substitución da estrutura de cuberta, instalando novos canlóns e baixantes para evitar filtracións de auga; ademais instaláronse novas portas e ventás de PVC, fíxose o saneamento exterior e interior para evitar humidades e mellorouse o illamento térmico e acústico.

Tamén se incorporaron dous baños, un deles adaptado, xa que os servizos estaban no exterior do edificio. Finalmente, mellorouse a accesibilidade da parte externa do edificio e creouse unha zona axardinada.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...