O Concello inaugura este sábado (oficina de turismo, 18.30 horas) a exposición en homenaxe ao debuxante ribadense Suso Peña, recentemente distinguido a título póstumo como Fillo Predilecto de Ribadeo.
A mostra permanecerá aberta ata o 25 de maio e leva por título ‘Mestre de vida e soños‘.
O edil de cultura, Farruco Graña, afirma que a exposición “encádrase nas actividades que, desde o Concello en colaboración co asociacionismo cultural de base e a asociación Tá en Artes, estamos a desenvolver para honrar a figura” do artista ribadense.
Ademais da obra de Peña, tamén se poderán contemplar na mostra obras de Siro López, Mauro Leivas, Xoán Guerreiro, Fernando Páez, Caxigueiro, Javier Peña, Alberto Guitián, Eduardo Baamonde, David Rivas Peña, Lucía Vila, Juanel, Toni Deaño, Lugilde, Jaime Cepola, Xosé Vizoso, Monlongo, Celso Dourado, Miguelanxo Prado, Ana Uría, Antonio Saavedra, José María Martínez, Kike Díaz, Juan Puchades Quilis ou Isidro Alvariño”.
EXHIBICIÓN EN FOZ
Mentres, continúa aberta no Cenima a exposición ‘Diálogos‘, inaugurada por Tá en Artes o pasado 17 de abril. Desde o pasado martes comezaron as visitas escolares, guiadas por monitores como Martín Lestao e Iria García, que subvenciona a Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense. Pasarán pola mostra 1.500 alumnos dos 32 centros educativos mariñaos.

A mostra, que reúne obras de recoñecidos artistas da bisbarra como Otero Regal, Neira Brochs ou David Catá e tamén traballos de artistas de fóra da comarca, ficará aberta ata o 17 de maio. É outra das iniciativas do ano de celebración de Suso Peña, con motivo do seu décimo cabodano.