A décimo terceira edición do Resurrection Fest de Viveiro suporá un novo récord de público para o festival. Alomenos así o agarda a organización, expón a alcaldesa, a socialista María Loureiro, que estima que “entre 90.000 e 100.000 persoas” asistirán aos concertos do festival.
O evento, que este ano adianta unha semana a súa celebración para evitar que coincida con outras citas musicais, contará no seu cartel con bandas como Slayer, Slipknot, Parkway Drive ou Within Temptation.
XUNTA DE SEGURIDADE
Loureiro lembra que na primeira semana de maio celebrouse a primeira xunta de seguridade para iniciar os preparativos do festival, considerado un dos máis importantes do panorama musical español e internacional.
SEGUIDORES DESDE O MÉRCORES
Unha das novidades deste ano é a data, xa que se adianta unha semana e celebrarase entre o 3 e o 6 de xullo. Loureiro cre que o público comezará a achegarse a Viveiro a partir do mércores, a primeira das catro xornadas do festival. Espérase que a afluencia sexa similar nas catro xornadas, sen que exista un incremento de cara á fin de semana como en edicións pasadas.
Así, o Concello preparase para un aumento da asistencia de público. “Prevense cinco mil persoas máis por día“, expuxo Loureiro, que destaca que ante a programación de “grupos relevantes” durante “todos os días” do festival, o goberno local reforzará o dispositivo de seguridade.
NO 2018 DEIXOU 8,5 MILLÓNS
Non obstante, sinala que o público que acode ao Resurrection Fest, que no 2018 atraeu a Viveiro a 82.000 persoas, cun impacto económico de 8,5 millóns de euros, “soe ser cívico, vén a escoitar música e iso favorece que non haxa altercados”.