InicioCultura12+1 propostas para a fin de semana do San Xoán na Mariña

12+1 propostas para a fin de semana do San Xoán na Mariña

Xornadas, exposicións, citas gastronómicas, foliadas, concertos ou mostras de oficios tradicionais servirán de petisco para a noite do lume novo

Publicada o

- Advertisement -

O Xornal da Mariña ofrece unha ducia de propostas para desfrutar da fin de semana do San Xoán na Mariña Lucense.

BARREIROS

1 / Volve o Festival Histórico de Santo Estevo do Ermo, con mercado, escenificacións históricas, actuacións musicais, vodas celtas e a festa gastronómica do porquiño ao espeto.

Cartel do Festival de Santo Estevo do Ermo. AXM

BURELA

2 / Burela convida a un fin de semana de tapeo. Arenal, A Marquesa, A Casa da Avoa, Casa Miranda, Cervecería Kiko, ConXeito, Hotel Nordés, Hotel O Sargo, Palacio de Cristal e Restaurante Sargo participarán no Concurso de Tapas de Verán que organiza o Centro Comercial Aberto (CCA). O certame prolongarase ata o mediodía do domingo.

O prezo da tapa é de dous euros e os clientes poderán votar os mellores petiscos e participar nun sorteo de 150 euros en vales de compra. Podes consultar todas as especialidades aquí.

Presentación do concurso de tapas de Burela. AXM

CERVO

3 / En Cervo hai abundancia de plans para a fin de semana. Un deles é o San Luis de Figueirido, con verbenas o venres e o sábado e xogos populares o domingo.

4 / O sábado, desde as 20.00 horas, Rúa celebrará unha churrascada amenizada polo trío Vivarium.

5 / O domingo, San Cibrao será o foco da festa con sesión vermú rockeira ao mediodía, xogos tradicionais, chourizada e a tradicional cacharela.

FOZ

6 / O Cenima de Foz acollerá o sábado a xornada A Mariña Somerxida, promovida polo Galp A Mariña Ortegal e Maremasma.

Os biólogos Carmen CoboRicardo Roberto Fernández e João Rodrigues, o arqueólogo David Fernández Abella e o historiador naval Fernando Patricio Cortizo falarán da biodiversidade mariña e dos pecios da bisbarra. Os relatorios serán de 9.30 a 14.30 horas.

Acto seguido, poderase contemplar unha exposición de 50 fotografías únicas dos fondos mariños da costa de Lugo, instantáneas realizadas por Hugo Fernández e Carlos Gil.

MONDOÑEDO

7 / A Mariña Lucense renderá tributo en Mondoñedo e Lourenzá aos guerrilleiros antifranquistas Luís Trigo Chao, ‘o Gardarríos‘, e Antonia Díaz, asesinados no 1948, así como ás persoas que colaboraron con eles na súa tarefa de erosión do franquismo. Podes consultar os actos programados, o sábado, neste enlace.

O Gardarríos, na primeira fila, á esquerda. CEDIDA/CIDRE FERNÁNDEZ

8 / Tamén o sábado, cinco establecementos de restauración mindonienses ofrecen menús románticos desde os 24 aos 70 euros. Son O Petisco, A Horta da Paula, Montero, O Porriño e O Rincón de Mondoñedo. Á medianoite, celebrarase na Praza da Catedral “o bico máis bonito do mundo”.

O VICEDO

9 / O venres (22.30 horas, terraza da casa da cultura), O Vicedo propón rock coa actuación do grupo de versións Zerna.

RIBADEO

10 / O domingo, ás 17.30 horas no teatro, sesión de arrolos con Ugía Pedreira. Para nenos de cero a tres anos.

A sesión de arrolos precisa de inscrición previa. AXM

XOVE

11 / Saíñas celebrará o sábado a súa décimo cuarta Foliada da Mariña, coa presenza de Tanto Nos Ten, que presentará o seu novo disco, ‘Cortando fíos‘. Ademais, actuarán grupos de Burela, Cervo e As Pontes.

VIVEIRO

12 / O San Xoán animará de novo o barrio de Covas coas festas patronais, do 22 ao 26 de xuño, nas que non faltarán as verbenas, a tradicional sardiñada ou, por suposto, as lumeiradas na praia.

Cartel do San Xoán de Covas. AXM

RUTAS DE ARTESANÍA

12+1 / Continúan as xornadas de portas abertas das Rutas de Artesanía, que impulsa a Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense.

O sábado será a quenda de Mondoñedo co alfar (10.30 horas), unha visita guiada ao centro histórico (12.00 horas) e ao canteiro pola tarde (17.00 horas).

As Rutas de Artesanía mostrarán os oficios tradicionais. IVÁN NESPEREIRA

O domingo 23 tocaralle á Pontenova coa visita ao taller dun ferreiro (10.30), e á antiga estación de tren, que hoxe en día acolle a Aula de Interpretación da Pesca, e aos fornos de Vilaoudriz (12.00 horas).

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...