Como cada venres, o Xornal da Mariña repasa a axenda cultural e de ocio da fin de semana.
VIVEIRO
O Teatro Pastor Díaz acolle este venres (20:45 horas) o concerto que clausura o obradoiro organizado pola Banda Municipal O Landro. Os noventa músicos que participaron na actividade interpretan un repertorio que prepararon durante a semana baixo a batuta do director David Fiuza.
BARREIROS
O Concello de Barreiros organiza o sábado a primeira edición da Xornada de Voluntariado Verde, nesta primeira ocasión para a limpeza de praias. Podes comprobar aquí como anotarte.
BURELA
Varias sedes da Mariña Lucense exercen como sedes estes días do Memorial Heroes do Orzán, organizado pola Fundación Imdecum.
O torneo de fútbol sala que serve para homenaxear o compromiso de tres gardas civís falecidos na Coruña en acto de servizo, entre eles o burelao Rodrigo Maseda Lozano, concluirá no pavillón Vista Alegre o domingo coa desputa das finais.
A Festa Castrexa de Burela volve esta fin de semana con desfile de clans, xogos, teatro e verbenas. Podes consultar o programa completo neste enlace.
CERVO
A Sacabeira (Sargadelos) continúa coa súa programación cultural. O domingo, ás 18.00 horas, acollerá a presentación do libro-disco infantil ‘La Comuna del Barruzo’, o primeiro en reivindicar o galego do Eo-Navia.
FOZ
O venres e o sábado, o Centro Comercial Aberto (CCA) de Foz celebra unha nova edición da súa Festa Vintage, con descontos nos comercios, actividades infantís, animación nas rúas e sesión vermú.
O venres (20.30 horas, librería Bahía), Xabier Baixeras (criado entre Ribadeo e Nois) presenta o seu libro gastronómico ‘Do abadexo á zorza: diccionario da gastronomía galega‘. Organiza A Pomba do Arco.
MONDOÑEDO
Mondoñedo ofrece teatro ao aire libre na mañá do domingo (12.00 horas, Praza do Concello, en caso de chuvia no auditorio). Cooperativismo en Movemento trae á cidade episcopal ‘A illa sen tesouro‘.
RIBADEO
O venres, ás 19.30 horas, a oficina de turismo inaugurará a exposición ‘Nós tamén fomos emigrantes‘, unha escolma do arquivo fotográfico da emigración da axencia Efe.
O sábado, o Pepe Barrera acollerá o campionato de España de rugby 7 feminino, no que Galicia defenderá o título estatal.
Paco Nogueiras ofrecerá o domingo (18.30 horas, teatro) o seu espectáculo para toda a familia ‘Radio Bule Bule‘.
Tamén o domingo, pola mañá, mercado de produtos locais xunto á Praza de Abastos.
XOVE
Xove propón un concerto (domingo, 19.00, salón de actos do centro cívico) de música de cinema, con intérpretes de varias escolas de música da Mariña Lucense e Lugo.
Entre o repertorio hai pezas de Morricone (para ‘La Misión‘), Vangelis (para ‘1492‘) ou Hans Zimmer (para ‘Gladiator‘ e ‘Piratas del Caribe‘).
RUTAS DE ARTESANÍA
Continúan as xornadas de porrtas abertas das Rutas de Artesanía, que impulsa a Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense.
O sábado é a quenda de Viveiro, e o domingo, a de Burela. Consulta aquí os horarios e percorridos.