Este xoves iniciouse a terceira edición do Certame Internacional de Pintura Mural Amarte, que se desenvolverá ata o domingo, coincidindo coa celebración da Feira do Bonito.
Un total de dez artistas participarán esta fin de semana no concurso. Cinco deles son mariñaos: Hipólito Xeada (Alfoz), David Catá (Viveiro), David Fernández “DaviXino” (Burela), Adriana Pardo (tamén burelá) e Otto Tretto, cubano afincado na cidade do Landro.
Tamén participarán o lucense Marcos Pereira, gañador da primeira edición, o vigués Delio Rodríguez, o navarro Eneko Azpiroz, o coruñés Marcos Lamas e o dúo formado por Moisés Vargas e Tim Bergmeier, de Salamanca.
OBRAS RELACIONADAS CO MUNDO DO MAR
Os artistas pintarán as súas obras, que están relacionadas co mundo do mar, no muro do peirao. O domingo ao mediodía celebrarase a entrega dos premios aos gañadores, nun acto que contará coa presenza do actor Serxio Pazos.