O Seminario de Estudos do Valadouro (Seva), asociación fundada en 2011 para a dinamización cultural dos municipios de Alfoz e Valadouro, ten nova directiva, despois de que o colectivo celebrase o pasado sábado unha asemblea xeral extraordinaria.
A xunta directiva, que relevará á encabezada ao longo dos últimos tres anos por Pepe Peinó, estará presidida por Xabier Pardiñas, que xa exercera como responsable da mesma nunha etapa anterior.
Xoán Ramón Pérez Blanco será o secretario, e Marco Candia Durán asumirá o cargo de tesoureiro; Lionel Rexes e Xesús Emilio Pisón exercerán como vogais.
A nova xunta directiva márcase como obxectivo principal continuar labor de “investigación, recuperación e promoción dos valores do noso val, non só desde o punto de vista histórico, senón tamén cultural, económico ou científico”, indica Pardiñas.
CADERNOS
A finalidade deste traballos será principalmente “a súa difusión, ben a través da súa publicación ou doutro tipo de actividades”, engade. Neste sentido, o primeiro evento que se celebrará, nesta nova etapa, será a presentación da publicación número 10 dos ‘Cadernos do Seminario de Estudos do Valadouro‘, obra de Pedro Rolle Chaves, titulada ‘Flores de primavera do Valadouro‘. Segundo indican desde a nova directiva, “debido á temática desta publicación, preténdese realizar este acto coincidindo coa celebración do Mercado Tradicional de Primavera de Ferreira do Valadouro, na fin de semana do 28 de marzo”.