Se non é o mellor director de videoclips de Galicia, algo opinable, o cervense Xaime Miranda é, desde logo, un dos máis solicitados, o que si se pode cuantificar. “Agora mesmo teño catro ou cinco pendentes de saír e outros catro ou cinco que estamos facendo“, remarca. E ademais, é un dos realizadores máis premiados neste xénero do audiovisual. Despois de triunfar ata en tres festivais con ‘De Bruma e Salitre’, feito para o grupo Mileth, vén de coroarse nos premios Mestre Mateo cunha peza para Heredeiros da Crus, ‘Esquimales‘.
A que sabe ese Mestre Mateo?
Pois a verdade é que fai moita ilusión, porque é un recoñecemento do mundo do sector. A verdade é que foi moi inesperado; botabamos contas e criamos que non nos daba para gañar (risadas), sempre pensas que hai quen ten máis posibilidades. Foi unha sorpresa, porque é a primeira vez que estaba nominado. Chegara o ano anterior á preselección cos dous videoclips que fixen para Basanta, pero nunca a esta altura.
Como xurdiu a idea do videoclip?
Eles xa traían unha idea inicial bastante concreta, querían que saísen esquimais. Buscabamos unha contorna que puidese dar esa sensación estética, así que tentámolo nunha praia, a de Teixidelo, que está preto de San Andrés de Teixido, que ten uns cantís grandes, que lembran a paisaxes de Islandia, ou Groenlandia. Ao final, foi o máis dificultoso da rodaxe, porque o lugar está ben para ir dar un paseo, pero para estar horas rodando é complicado. Os accesos son complexos, tardas unha hora en baixar costa abaixo, e despois para subir a pendente igual son dúas. Eles saen tocando, así que había que levar os instrumentos. Foi un reto. Ademais, en canto sube a marea quedas sen espazo. Pero pagou a pena porque creo que a contorna favorece ao videoclip, é espectacular. Tamén gravamos en Xove e Cervo, onde nos axudou o Concello.
O director de arte foi teu pai (Manolo Miranda, de Mariña Patrimonio).
Sempre tiro del. El sempre se dedicou á artesanía, ten moitas ferramentas e trangallada (risadas), e tamén sabe facer maquetas, que ten algo de relación coa escenografía. Neste caso, queriamos facer unha escena cun tipi, unha tenda de esquimais, e ocorréuselle utilizar sacos de Café Candelas para facelo. Os orzamentos soen ser axustados e botas do que tés a man (risadas).
Hai nos créditos outra xente da Mariña, Iago Vilariño, Sabela Blanco, nomes que aparecen habitualmente nos teus traballos.
Si, son xente coa que teño traballado moito, criámonos xuntos e sempre que podo conto con eles. Por suposto o premio é de todo o equipo, o que saín recollelo fun eu, pero cada quen ofreceu o seu grao de area. Ademais este videoclip foi un pouco especial para todos nós, porque nos criamos escoitando Heredeiros da Crus, e facíanos ilusión.
Son xa varios premios, este é o máis relevante. Supón un empurrón?
Pois aínda é axiña para saber as consecuencias (risadas). Este ano foi especialmente bo nese sentido, tiven tres premios con Mileth, unha mención especial no Festival de Cans, e culminou a tempada co Mestre Mateo. A nivel de Galicia, si que estivemos aí en todos ou case todos os premios que había en canto a videoclips. A verdade é que estamos moi agradecidos.
A nivel laboral, dedícaste por enteiro ao audiovisual e aos videoclips.
Así é. É un pouco unha rareza, porque é un mundo bastante inestable e precario, pero a verdade é que tiven a oportunidade de facer moitos. Supoño que non é unha situación moi sostible no tempo porque ao final require moito traballo. Con respecto aos Mestre Mateo, ten ese punto de recoñecemento do sector, ten outra repercusión, retransmítense na televisión… A viabilidade é importante.
Hoxe a música está fortemente ligada ao audiovisual, Youtube é un arquivo inmenso de concertos e de lanzamentos. É un xénero en auxe o videoclip?
Dende logo. O videoclip ten un auxe espectacular, mesmo quizais haxa algo de burbulla. Sácanse moitos videoclips. Hai moita xente que escoita música directamente en plataformas en Youtube, e non o fai doutra maneira. As ferramentas tamén o fixeron máis potente a nivel creativo, hai moita efervescencia. Nos últimos anos notouse moito. Cando me presentaba hai tempo ao Festival de Cans, era o único certame case que premiaba videoclips. Agora inclúeno como categoría. Fanse cousas de moi alto nivel, en Galicia non temos nada que envexar a outros lugares.
Que ten que ter un bo videoclip? Fuches impoñendo un estilo?
A verdade é que cambiei moito, antes facía videoclips máis narrativos, contaba historias, agora non tanto. Penso que hai que capturar o que queiras transmitir, sexa a idea central da canción ou outra idea, mesmo contraria, pero que funcione ben coa música. Creo que ten que ser chamativo e entretido. As posibilidades son infinitas: podes desfrutar dun prodixio técnico, transmitir unha estética… Máis que ter un estilo sempre tentei experimentar e deixarme levar un pouco polo que os grupos queren ou polo que lles interesa.
E dedicándote ao clip, hai algo que rompa con iso, pensas no cinema?
Estamos pendentes de quitar a curtametraxe ‘O neno e a sombra’, que foi rodada na Mariña. Si que me gustaría facer curtas e cinema, a min sempre me tirou o cine, desde pequeno, como meta e horizonte está aí, pero vai haber que ir pouco a pouco.