A romería do Naseiro e maila Festa Normanda protagonizan a axenda cultural da fin de semana, que tamén inclúe teatro, feiras de gando ou actividades lúdicas ao pé do río.
ALFOZ
O castelo de Castrodouro acolle este sábado, desde as 21.00 horas, unha peza teatral interpretada por Elsinor Teatro. O dramaturgo e actor valadourense Manuel Lourenzo escribiu e interpreta a obra.
FOZ
A segunda reviravolta, ás 20.00 horas dende o campo da Cabana, abrirá unha nova edición da Festa Normanda de Foz. Ás 21.00 horas, José Ramón Vila pronunciará o pregón dos festexos na área recreativa do bispo Santo, onde a continuación os veciños de San Martiño interpretarán unha peza teatral que narra a milagre de San Gonzalo. O desembarco será o acto central da xornada do sábado, na praia de Tupide ás 14.15 horas. Os festexos inclúen mercado e unha ristra de actividades para grandes e pequenos ata o domingo.
LOURENZÁ
Comezan as festas do Conde Santo, que se prolongarán ata o luns. Este venres, haberá un concerto-tributo con Riff Raff (AC/DC) e McKuin (Queen) no Campo dos Bolos, desde as 23.00 horas.
MAÑÓN
Continúan as xornadas Memoria dun Tempo que organiza a asociación Nordés no Barqueiro. Este venres, coa charla da historiadora mariñá Alba Díaz Geada e o sábado, cunha homenaxe a republicanas e libertarias.
O VALADOURO
Este venres, a parroquia da Laxe acolle unha nova edición da Ponte Literaria, con lecturas e intercambio de libros.
RIBADEO
O Mercado de Rúa e o Guateque dos anos 60 e 70 animarán esta fin de semana en Ribadeo.
RIOTORTO
A asociación cultural Avelino Díaz reivindicará o domingo a figura do poeta coa quinta edición do seu roteiro.
TAPIA
A feira Campomar, con máis de cen expositores, celébrase en Tapia de Casariego até o domingo.
TRABADA
A Deputación de Lugo impulsa este sábado na ría de Abres unha xornada lúdica ao pe do río. Comezará ás 16.00 horas e contará con actividades deportivas e fluviais, gratuítas e abertas para todos os públicos.
XOVE
San Isidoro de Monte festexará este venres o San Bartolo cunha nova edición da súa Feira de Gando.
VIVEIRO
Co Día do Polbo, este venres, comeza o Naseiro. Os viveirenses mudaranse ata o martes ao poboado levantado na beira do Landro para desfrutar da Romería do Bo Xantar. Desde o sábado haberá sesión vermú e verbena todos os días. O luns, desde as 19.00 horas, será o descenso humorístico do río.