A asociación As San Lucas, que organiza a feira do mesmo nome, anunciou que Carlos Núñez actuará na catedral de Mondoñedo o 21 de outubro, dentro das actividades programadas para os festexos.
Unhas 500 persoas poderán acceder ao recital, de pago e con aforo limitado. A organización porá as entradas á venta o vindeiro venres, 21 de setembro, na plataforma entradas.ataquilla.com.
AS FEIRAS MÁIS ANTIGAS DE GALICIA
O concerto do gaiteiro vigués será un dos grandes reclamos desta edición das feiras máis antigas de Galicia, que datan do 1156. O programa de actividades, que inclúe maxia, teatro ou espectáculos de doma nocturna, comezará o 17 de outubro e rematará o día 21.
BAIXADA DOS CABALOS E PREGÓN
A espectacular baixada dos cabalos ata a Praza da Catedral abrirá os festexos. Será o mércores, ás 18.45 horas. Ese mesmo día, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, natural de Barreiros, pronunciará o pregón desde as 20.45 horas, no auditorio Pascual Veiga.
FEIRA E SHOW DE DOMA NOCTURNO
A tradicional feira de gando, que se celebrará o día 18 no campo dos Paxariños, repartirá máis de 8.000 euros en premios entre 50 categorías. O día grande completarase cunha exhibición de doma nocturna -da que haberá un segundo pase o 19-.
CONCERTO DE GRUPO EXTRA
O concerto do grupo de bachatas Extra, o sábado 20, será outro dos grandes atractivos dun programa que tamén ofrecerá encontros folclóricos e un monólogo de Quico Cadaval.
VERBENAS
Panorama e Punto Clave (que actuarán o día 17), Compostela e Los Satélites (18), París de Noia e Principal (19), La Favorita e Israel (20) e Palladium (21) farán as delicias dos amantes da verbena.
PRESENTACIÓN
A agrupación organizadora presentou a feira no Pazo de San Marcos, coa presenza do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos. O goberno provincial colabora cos festexos cunha achega de 20.000 euros.
O presidente da comisión, Miguel Souto, citou a Miguel Anxo Murado para definir As San Lucas como “a apoteose lírica do cabalo” e convidou a “achegarse a Mondoñedo e desfrutar dun evento único”.
Pola súa banda, Campos asegurou que “é un privilexio promocionar unha feira con 862 anos de tradición“.