O teatro popular ten raíces fondas na Mariña e será por iso que a árbore florece. A consolidada Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón que comeza o domingo en Ribadeo – Choruma de Trécola Teatro será a primeira representación- levará á escena aos grupos infantís de A Adala e Ollomao.
DOUS ANOS DE ADALA INFANTIL
“Cando empezan tratamos de ofrecerlles papeis nos que se sintan cómodos, que lles guste a roupa e a maquillaxe que levan, e que se identifiquen cos personaxes”, conta Toñi García, coordinadora de A Adala e promotora do grupo infantil que, nestes días, cumpre dous anos.
A Adala infantil púxose en marcha en outubro de 2016 a demanda dos pequenos “Cando me levas para unha obra?”, preguntaban despois de ver no escenario a Manuela Prieto na representación de “Sen seu amor”. A nena non cumprira os seis anos e creou escola.
A ADALA INFANTIL REPRESENTARÁ A OBRA “AI MAMACIÑA, QUE MEDO” O VINDEIRO 21 DE OUTUBRO NA MOSTRA RIBADENSE
O grupo tomou forma axiña e debutou o día de Reis de 2017 coa obra “A rá que quedou sen pelo”. En Ribadeo, o 21 de outubro representarán “Ai mamaciña, que medo”, coa que xiran pola provincia como parte do programa de promoción do teatro Buxiganga, promovido pola Deputación de Lugo. De cara ao vindeiro ano preparan unha nova peza. “Traballamos con textos feitos para as actividades de teatro nas escolas”, comenta Toñi que se encarga, con Ana Couto, de adaptar e dirixir as obras.
Compórtanse como veteráns da escena. “Ao principio, non había ninguén quería saír a presentar as obras, agora peléxanse por facelo. E ata se ofrecen para facer fotos co público. Válelles moito para perder o medo a falar en público, para perder a timidez”, asegura.
OLLOMAO ESTREA PEZA
O grupo infantil de Ollomao estreará en Ribadeo a obra “Cabeza de dragón”, unha farsa infantil de Valle Inclán que versionaron tomando algunha licenza nos diálogos e incidindo nos elementos máis cómicos do guión, segundo nos adiantan Anxo Manoel e Isa Herrero, que dirixen as nenos e nenas do colectivo barreirense desde a súa experiencia como actores en Microefectos Dramatúrxicos e Lucecús Teatro.
O GRUPO INFANTIL DE OLLOMAO ESTREARÁ A OBRA “CABEZA DE DRAGÓN”, UNHA VERSIÓN DUNHA FARSA DE VALLE-INCLÁN, O 28 DE OUTUBRO
“Superado o medo inicial, sóltanse e resulta moi doado traballar con eles. Ao final, meterse nunha personaxe é xogar, e os nenos están moito máis dispostos a xogar que os adultos“, comentan. “Primeiro contámoslles o que pasa en cada escena para que fagan pequenas improvisacións e logo imos traballando con cada un o seu papel”, describen.
A representación do vindeiro 28 de outubro en Ribadeo será un “reto” para os actores e actrices que preparan “moi ilusionados” a súa estrea nun escenario novo. Habitualmente actúan en Barreiros, coincidindo coa visita do Apalpador. Unha cita tetral que xa é tradición no concello desde que se creou o grupo, “fai cinco anos”. “Empezamos organizando un obradoiro, como unha actividade puntual, pero a idea gustou e desde aquela mantémolo”, conclúe Tamara Rubiños, presidenta de Ollomao.