InicioCulturaUnha nova web achegará a figura de Díaz Pardo ao público, con...

Unha nova web achegará a figura de Díaz Pardo ao público, con máis de 150 documentos a descargar

A páxina, presentada esta mañá pola Xunta, "unifica, concentra e pon en orde todo o inxente material dispoñible e disperso" sobre a vida e obra do creador de Sargadelos

Publicada o

- Advertisement -

EFE. A web ‘Isaac Díaz Pardo. Memoria viva’, presentada esta mañá pola Xunta, pasará a ser un espazo de referencia para achegar a figura do intelectual tanto ao público xeral como aos investigadores especializados na obra do impulsor de achegas tan relevantes para Galicia como Sargadelos, o Laboratorio de Formas, Ediciós do Castro, o Instituto Galego de Información ou o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, explicou durante o acto de presentación que este novo espazo virtual será un complemento que reforce e amplíe a primeira gran exposición sobre Díaz Pardo tralo seu falecemento en 2012, ‘As miradas de Isaac‘.

Rodríguez estivo acompañado na presentación polos fillos de Díaz Pardo e comisarios da exposición: Xosé e Camilo Díaz Arias de Castro, ambos asesores e revisores principais desta páxina, á que lle cederon moito do material que a conforma.

No acto, o titular de Cultura valorou o feito de que a partir deste momento disponse dunha gran “fonte de información accesible, ordenada e gratuíta sobre un dos galegos máis relevantes do século XX”. “Trátase -dixo- de manter viva con esta ferramenta a obra, o pensamento e a memoria de Díaz Pardo, e tamén con el, unha memoria colectiva, unha das súas principais inquedanzas”, afirmou.

OS LISTADOS DE EMBARQUE PARA AMÉRICA, ENTRE OS DOCUMENTOS PENDURADOS NA REDE

Pola súa banda, María América Díaz, directora deste proxecto, subliñou que este espazo web vaise converter “nunha das guías máis importantes” para achegarse á historia de Díaz Pardo, ao sinalar que “unifica, concentra e pon en orde todo o inxente material dispoñible e disperso” con máis de 150 documentos que se poden descargar.

En concreto, enxalzou as “achegas únicas” que se poden atopar neste espazo como listados de embarque de 1957 e 1960 de Vigo a Bos Aires onde aparece como pasaxeiro, documentación do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, ou o catálogo da súa exposición en Londres no ano 1947.

Díaz informou na súa intervención de que a web estará en breve tamén en inglés e debuxou os contidos nos que se estrutura a páxina web. En total, son oito seccións baseadas nas seguintes temáticas: Vida, Familia, Amizades, Obra, Laboratorio de formas, Empresas, Fontes de estudo e Ao redor de Isaac.

Para a creación desta completa web sobre a vida e a obra de Díaz Pardo, contouse coa colaboración de historiadores como Alfonso Mato e Gloria López e da filóloga e exdirectora de Ediciós do Castro, Charo Portela, ademais de compañeiros pertencentes ao equipo de Díaz Pardo no desaparecido Instituto Galego de Información.

OS FILLOS DE ISAAC E A NETA DO ARTISTA PARTICIPARON NA REVISIÓN DO MATERIAL

En materia de documentación, foi importante a achega de documentación de Gloria Díaz; mentres que no aspecto de asesoría, revisión e cesión de materiais destacan as achegas da cervense Cecilia Díaz, fotógrafa e neta de Díaz Pardo, ademais dos fillos Xosé e Camilo Díaz Arias de Castro.

A estas colaboracións súmanse as dos fotógrafos Luís Díaz, María Lojo e Alessandro Caramellino, e en canto á documentación contouse con préstamos do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, da Fundación Seoane, de Radio Televisión de Galicia, de Cerámicas do Castro e do Arquivo fotográfico Pacheco, de Vigo.

A páxina web ‘Isaac Díaz Pardo. Memoria viva’ enmárcase dentro dos proxectos da Xunta de dixitalización de importante patrimonio cultural, como foi o da recente iniciativa de dixitalizar os 144 exemplares da revista ‘Nós‘ coincidindo co centenario de saída da imprenta do primeiro número.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...