Os concellos da Mariña Lucense celebrarán con distintas actividades o Día de Rosalía de Castro, o vindeiro mércores, 24 de febreiro. Programas de radio en directo, exposicións, concursos ou a gravación do recitado de poemas da autora na voz da veciñanza son algúns dos actos que servirán para reivindicar unha vez máis a figura dunha escritora galega e universal.
BURELA
En Burela, a homenaxe a Rosalía de Castro será o mércores, de 19.00 a 21.00 horas en Radio Burela. O programa titulado “A maxia dun regalo” será conducido polo edil burelao e por Francisco Piñeiro, dramaturgo mindoniense.
Neste programa especial intervirán representantes da corporación, profesores, integrantes do tecido asociativo burelao así como persoeiros da cultura. O listado é o seguinte: Karina Parga, Pablo Mosquera, Rocío Rivera, Alfredo Llano, Mario Pillado, Manuel Rouco, Rosa Cedrón, Xosé Antonio Touriñán, Rosalía Castro, Sergio Pazos, Belém Tajes, Ignacio Vilar, Melania Cruz, María Vázquez, Carlos Blanco, Sabela Hermida, Ledicia Sola, Estíbaliz Veiga, Lucía Pérez e o alumnado do IES Perdouro.
“Imos facer un programa en directo desde Radio Burela, de sete a nove da tarde. Gardaremos o podcast dese programa para que estea a disposición de quen queira escoitalo. Durante esas dúas horas analizaremos a figura de Rosalía de Castro, todo o que significou e o que significa tanto para Galicia como para a literatura e para España”, indicou Díaz.
“Estará xunto a min desenvolvendo o programa Paco Piñeiro, profesor e director de teatro que está moi vinculado á literatura galega e que é un defensor a ultranza do noso. Tamén intervirán moitos personaxes coñecidos do panorama artístico e cultural galego, directores de cine, actrices, humoristas, escritores e escritoras, que darán a súa opinión de quen foi Rosalía de Castro e do que significa hoxe en día para nós”, concluíu o concelleiro.
CERVO
FOZ
En Foz, a Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Foz anuncia o inicio das actividades para conmemorar o 184 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro este 24 de febreiro. Por segundo ano consecutivo, o Concello adhírese ao manifesto da AELG (Asociación Escritoras-es Lingua Galega).
Para celebrar este 24 o día de Rosalía, o Concello de Foz, en colaboración coa Fundación Penzol e a Biblioteca Pública Neira Vilas de Vigo, presenta as reproducións das portadas das distintas edicións internacionais de ‘Cantares Gallegos‘ dos orixinais que posue os fondos da Fundación Penzol. A Concellería de Normalización Lingüística convida a confirmar a universalidade de Rosalía en edicións como a xaponesa, entre outras. A exposición iniciará a sua exhibición na biblioteca pública Salgado Toimil que reabre co aforamento limitado. Continuará para facilitar o seu acceso, nos centros de ensino do Concello, para rematar a sua andaina o día 17 de maio.
VIVEIRO
Veciñanza de todas as idades puxo voz a un poema de Rosalía de Castro. O goberno local viveirense está a publicar todos os vídeos na páxina de Facebook de Cultura.
“É unha maneira de continuar co seu legado e que as súas verbas non caian no esquecemento, xa que é unha das figuras femininas literarias máis importantes a nivel mundial”, explicaba Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura de Viveiro.
O MUSEO DO MAR AGASALLARÁ LÁMINAS
A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro presentou a programación organizada pola área de Cultura arredor do Día de Rosalía, que se celebra o 24 de febreiro.
A Vicepresidencia programará, en colaboración con Concellos, asociacións e centros educativos, quince representacións teatrais das obras “A pluma víva de Rosalía” de Os Quinquilláns, “Rosalía” de Culturactiva e “A viaxe de Rosalía” de Urdime, montaxes inspiradas na vida e obra da autora.
Tamén se promoverán vinte intervencións artísticas en espazos públicos ou xestionados por asociacións e centros educativos a cargo dos muralistas e grafiteiros Pablo Lage (Van Kraft) e Manuel Andrés Pallín de Concepto Circo.
“O ano pasado concentramos a programación no mes de febreiro pero, dada a situación sanitaria, neste edición optamos por flexibilizar o calendario e facilitar que estas actuacións e intervencións artísticas poidan realizarse ao longo do ano. A obra e a figura de Rosalía admite múltiples enfoques, polo que calquera data será boa para achegarse a ela a través destas propostas culturais”, sinalou Ferreiro.

O Día de Rosalía, o 24 de febreiro, os catro museos da Rede Museística Provincial – o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e o Fortaleza de San Paio de Narla– agasallarán as visitas cunha lámina deseñada pola ilustradora guitiricense Alba Nimbos, un debuxo en carbón inspirado no poema “Cando a luniña aparece” de ‘Cantares Gallegos’, e unha fror natural.
As láminas poderán recollerse no horario habitual de apertura dos museos, seguindo un protocolo adaptado á situación sanitaria: control de temperatura, rexistro dos datos de contacto, distancia de seguridade e uso de xel hidroalcólico antes de recoller as ilustracións.