InicioCulturaMáis de 2.400 persoas piden o Día das Letras para Avelino Díaz

Máis de 2.400 persoas piden o Día das Letras para Avelino Díaz

O colectivo que recupera a figura do poeta presentou unha solicitude para que o vate, nacido na Órrea e criado en Meira, sexa candidato

Publicada o

- Advertisement -

Representantes da Asociación Avelino Díaz presentaron hoxe na sede da Real Academia Galega (RAG) unha solicitude para que o poeta do mesmo nome sexa incluído como candidato ao Día das Letras Galegas 2019. A agrupación recolleu sinaturas ao longo dos últimos meses e acadou un total de 2.421 firmas para apoiar a candidatura do vate, nado na Órrea (Riotorto) e criado en Meira.

Aínda que tamén apañou votos fóra dos dous municipios, o colectivo destaca o apoio veciñal á petición, dado que os concellos de Riotorto e Meira teñen en conxunto un total de 2.966 habitantes. Ademais, 51 empresas e entidades respaldaron a proposta.

A solicitude que entregou a asociación inclúe dous dossieres que documentan o apoio veciñal á candidatura de Avelino Díaz e tamén unha carta a cada un dos académicos da RAG.

o colectivo evitará “contactos persoais” cos tres académicos esixidos para validar a petición

O regulamento da RAG para elixir aos candidatos recolle que as candidaturas deben ser apoiadas e razoadas por un mínimo de tres académicos. O plenario da institución elixirá ao persoeiro homenaxeado na primeira xuntanza despois do Día das Letras Galegas, celebrado o pasado 17 de maio.

Por mor da experiencia dun par de tentativas anteriores, no 2016 e 2017, a directiva da asociación tomou a decisión de “evitar os contactos persoais” cos académicos para convencelos de que presenten a candidatura de Avelino Díaz. Por iso dirixiron unha misiva a cada un dos membros da RAG, coa intención de que o apoio popular e a obra do poeta falen por si sós e sexan os mellores argumentos para presentar a candidatura.

Paco Veiga, presidente da asociación, lamenta que é “moito máis doado promover para este tipo de recoñecementos a exiliados que a emigrantes que marcharon por necesidade”. E resalta que acadar o Día das Letras Galegas para Avelino Díaz axudaría a dar a coñecer a súa obra. “Axudaríanos a buscar os 851 poemas que el deixou referenciados e que non sabemos onde están”, explica. 

VIDA E OBRA

Avelino Díaz naceu en Santa Comba da Órrea no 1897, pero pasou boa parte da súa nenez en Meira. Logo emigrou a Bos Aires, onde exerceu o xornalismo. Na capital arxentina formou parte da Federación de Sociedades Galegas. Publicou catro volumes de poesía e, segundo o colectivo que pretende reivindicar a súa figura, 851 poemas da súa autoría fican inéditos. ‘Debezos’, obra de 1947, está considerado o primeiro poemario en galego da posguerra.

ÚLTIMAS

Colapsa unha parede do cemiterio de Barreiros deixando féretros e algunha caveira á vista

Veciños do municipio de Barreiros avisaron este venres do derrube dunha parede do cemiterio...

Sete persoas intoxicadas por monóxido de carbono nunha vivenda en Foz

Un total de sete persoas, das cales dúas son menores de idade, necesitaron asistencia...

O servizo de recollida de residuos orgánicos comezará en Viveiro o día 18 de decembro

O Concello de Viveiro informa á cidadanía de que o vindeiro día 18 de...

O Concello de Ribadeo sinala que non subirá as taxas da auga e do lixo

Ribadeo non subirá o recibo da auga e do lixo. Así o asegura Marta...