Pepe Otero: “Intento expoñer unha perspectiva da realidade porque esta tén moitas caras”

Pepe Otero exerceu como profesor de filosofía no IES de Foz profesión que desenvolveu en paralelo coa de articulista na prensa. O martes 6 de setembro presentou "O mito da razón e outros relatos", un libro que recolle artigos que foi publicando durante os últimos catro anos. Na presentación estivo acompañado de dous amigos seus, o escritor Ramón Reimunde e o profesor Darío Villanueva. Os beneficios que saque esta compilación de artigos irán destinado ao banco de alimentos de Foz.


O Mito da Razón e Outros Relatos é o título do libro que presentou recentemente en Foz. Cal é a orixe da elección deste título?

O mito da razón en certa medida é unha oposición paralela ao concepto tradicional da orixe, da ciencia, da filosofía como o paso do mito ao logos, o paso do mito á razón, substitución das explicacións míticas e fantásticas por outro tipo de explicacións denominadas racionais e mesmo norma para establecer relacións humanas. Ese é a causa do título que tamén é a cabeceira dun dos artigos recollidos neste volume. Aí desenvólvese a importancia que se lle deu á razón desde o punto de vista científico e filosófico e os grandes fitos que houbo arredor do nacemento da razón que logo substituirá aos irracionalismos, isto é, interpretacións da realidade que teñen como base outros aspectos do ser humano como as paixóns, emocións e aquilo denominado irracional.

-Estamos diante de parte do seu traballo como columnista da vida na comarca.

Si, son artigos publicados na prensa periodicamente nas páxinas de opinión. Foron un intento de buscarlle a explicación a certos acontecementos e certos sucesos que se daban na realidade, pois ao tratarse de prensa están relacionados a algo que sucede.

O mito da razón en certa medida é unha oposición paralela ao concepto tradicional da orixe

-Houbo algún artigo ou algún suceso que lle custase máis abordar de todos cantos compoñen este libro?

Son artigos publicados desde hai catro anos ou cinco e por tanto algúns céntranse no que foi a pandemia e as reaccións e motivacións por parte dos gobernos, da ciencia e da cidadanía relacionadas coa COVID. Máis recentemente a guerra de Ucraína e logo temas referidos a sucesos que no seu momento marcaron a realidade e outros temas que resultaron rechamantes.

-Os beneficios que se saque da venda deste libro irán parar ao Banco de Alimentos de Foz.

Un non é que sexa un santo nin ande repartindo cartos, non vivo da escritura. Esta é unha compilación de artigos que poden ter maior ou menor acollida, e iso axudará nunha necesidade perentoria para xente con falta de medios para alimentarse cada día, e iso é unha necesidade fundamental.

Son artigos publicados desde hai catro anos ou cinco e por tanto algúns céntranse no que foi a pandemia

-Algún dos artigos deste libro está relacionado coa súa actividade docente?

Pode que algún si. Se publiquei algo relacionado coa educación sería moi esporadicamente mais tampouco referidos á educación en xeral. Lembro un sobre a unificación dos institutos. Tamén algún suceso ou acontecemento, mais esporadicamente.

-Na presentación contou coa presenza da concelleira Inés López Couto. Sentiuse apoiado entón polo Concello?

O Concello colaborou na creación dos carteis anunciando a presentación. Este tipo de colaboración serviu para a correspondencia de que os beneficios fosen para asuntos sociais do municipio.

-As librarías de Foz serán puntos que colaboren coa venda do libro. Isto é porque se trata dun texto pensado para xente de Foz ou por vivir nesa vila?

Pois polas dúas cousas. Non pretendo que sexa unha publicación de longo percorrido. Podería terse posto en calquera outro lado, aínda que levarei algúns exemplares a Ferreira, pois eu son do Valadouro e coa mesma intención de contribuír a asuntos social. Un non é profesional disto mais a idea é ir presentado polas vilas de arredor. Chega ben que vaia en beneficio do Valadouro e Foz, chega ben.

Esta é unha compilación de artigos que poden ter maior ou menor acollida, e iso axudará nunha necesidade perentoria para xente con falta de medios para alimentarse

-Na presentación acompañárono Darío Villanueva e o escritor Ramón Reimunde. Que lazos o unen a estas dúas persoas?

Ramón Reimunde máis eu fomos compañeiros no instituto de Foz e ademais somos amigos. Mantemos uns lazos de amizade moi profundos no sentido amplo da palabra. Con Darío Villanueva sucede o mesmo. El foi reitor da USC e un profesor recoñecido en universidades de Europa e do resto do mundo. Ademais tamén fomos compañeiros de estudos do bacharelato antigo, o bacharelato superior, fomos compañeiros na carreira de Filosofía e Letras e da mesma residencia. Logo eu fun para Madrid estudar Filosofía pura que non había en Santiago e el continuou coa filoloxía.

-Ten previsto continuar escribindo máis artigos ou elaborar algún traballo de maior amplitude?

Eu non teño imaxinación abondo para inventar historias, senón dedicaríame á novela. Digamos que teño imaxinación crítica ou un intento de manifestar ou expoñer unha perspectiva sobre as cousas porque a realidade é un prisma con moitas caras.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here