Os Concellos de Cervo, Foz e Lourenzá adiantaron a súa programación de Nadal o pasado xoves, e o de Barreiros anunciou que o 22 de decembro celebrará un acto para os máis pequenos.
CERVO
A programación en Cervo comezará cun evento deportivo o 22 de decembro, ás 17.00 horas no pavillón da Veiga. Trátase do décimo primeiro Campionato de Nadal de Nihon TaiJitsu.
O 23, desde as 16.30 horas, a asociación Burgo de Trasbar convidou a Papá Noel ao seu local social. Ás 18.00 horas, na casa de cultura de San Cibrao, celebrarase a Gala de Nadal dos grupos de música, canto e baile do municipio.
O luns 24 de decembro, a Asociación Fervenza de Sargadelos organiza un ano máis a Noiteboa Infantil. Será a partir das 16.30 horas no ecomuseo de Cervo.
A programación inclúe ludoteca a cargo de Xogando nas Nubes, o espectáculo de monicreques ‘O Crebanoces‘, a visita de Papá Noel e unha chocolatada.
O 26 de decembro celebrarase o xogo do ‘Laser Tag‘ no parque Reina Sofía de San Cibrao (16.00 horas), mentres que o 27 será a quenda do Escape Room. Ás 20.00 horas dese mesmo día, a casa da cultura acollerá o espectáculo ‘Falar sen cancelas‘, con Isabel Risco e Pedro Brandariz, entre outros cómicos.
O venres 28 será o momento do rock and roll co Callo Fest, na Praza dos Campos sancibrense. Amigos da Troula organiza a cita, con concertos a partir das 20.00 horas; Lazy Bones, Supernatural, Mckuin –tributo a Queen– e Pegas Negras.
Oswaldo Digón ofrecerá un monólogo o sábado 29 de decembro, e o 4 de decembro Trío Duero un concerto de Nadal. Ambas actuacións serán na casa da cultura, ás 20.00 horas.
Os Reis Magos pasarán por San Ciprián e Cervo o día 5, ás 17.30 e 19.30, respectivamente. O grupo de teatro O Bordelo actuará no consistorio cervense trala visita dos monarcas, nunha cabalgata que organiza Airiños do Xunco.
FOZ
Os actos en Foz arrincarán este sábado, cun obradoiro infantil e xuvenil de danza urbana e contemporánea, ás 12.00 horas. Anotan na casa da cultura. Ás 18.30 empezará un espectáculo de danza infantil, ‘Gaia‘, a cargo de Entremans.
O domingo, día 16, ás 20.00 horas na igrexa parroquial, haberá un festival de panxoliñas no que actuarán Mar Aberto, o Coro de Foz e a Coral Polifónica de Foz.
As actividades continuarán o 21, co festival da escola de música, que comezará ás 20.00 horas na Sala Bahía.
Os días 21 e 22, haberá elfos na casiña de Papá Noel para recoller as cartas. Santa Claus chegará a Foz o 24, espéraselle para a cabalgata ás 12.00 horas na casa da cultura e logo atenderá aos nenos no Concello. Amenizará o día un concerto de panxoliñas da escola de música, que ofrecerá o seu concerto de Nadal o martes 25, na igrexa ás 20.30 horas.
O alumnado do IES de Foz presentará o xoves 27, desde as 20.00 horas na casa da cultura, a curtametraxe ‘Mans salgadas‘.
O sábado 29, a compañía Expresión Producións ofrecerá o espectáculo de maxia e teatro infantil ‘Trío de ases‘. O evento comezará ás 18.30 horas, na sala Bahía.
O día de Ano Vello rematará a programación cultural do Concello de Foz cun concerto de panxoliñas na rúa. Será na Avenida da Mariña ás doce do mediodía.
LOURENZÁ
O Nadal en Lourenzá comezará este domingo, día 16, cun obradoiro e espectáculo de maxia a cargo de Hermanager Producións. Será a partir das 17.00 horas, na casa da cultura. Durante a fin de semana, o colectivo de comerciantes Acial organizará un mercado de Nadal.
O venres 21 haberá teatro co grupo Trípode, na escola de San Adriano desde as 19.30 horas. O mesmo grupo recreará a mesma obra, ‘Cousas de Vellos‘, o 29, no centro de San Xorxe.
O 23, Fran Rei presentará o espectáculo cómico ‘O Conto de Barriga Verde‘ na carpa do Campo dos Bolos. A continuación chegará Papá Noel a saudar a todos os nenos e nenas de Lourenzá. No mesmo escenario, o 26 de decembro haberá un planetario.
Ademais, o xoves 27 de decembro no centro social de Santo Tomé, de 17.00 a 19.00 horas, desenvolverase un obradoiro de Nadal para pequenos de dous a doce anos. Os días 2, 3 e 4, ás 17.00 horas no salón de actos municipal, faranse proxeccións de cine infantil.
E o sábado 5 de xaneiro será a cabalgata dos Reis Magos.
BARREIROS
En Barreiros, o Concello organiza unha Festa de Nadal o 22 de decembro. Será no pavillón de San Cosme, de 16.00 a 19.00 horas.
Haberá inchables, obradoiros e animación musical. Os nenos e nenas que participen nesta festa recibirán a visita de Papá Noel. E rematarán a xornada disfrutando dun chocolate con churros.