O Pescados Rubén Burela FSF derrotou a domicilio ao Guadalcacín (0-3) e mantén así unha traxectoria impecable na Liga Foro 16 Feminismo, que lidera tras sumar 54 puntos de 57 posibles.
Só o Atlético Navalcarnero, en La Estación, foi capaz de frear a marcha das burelesas, que suman tres puntos máis cás madrileñas.
As campioas de Europa coa selección española Luci e Peque encarrilaron a vitoria na primeira metade, e Bea Mateos ampliou a renda tralo descanso.
O encontro deixou tamén o debut de Popó, xogadora brasileira que estivo a proba durante o último mes e que se gañou un oco no bloque do equipo laranxa.
AGARDA O CAMPIÓN
A vindeira fin de semana, a Liga depara un enfrontamento complicado para o Burela FSF. O equipo que adestran Julio Delgado e máis Lucas medirase en Vista Alegre ao vixente campión da competición, o Jimbée Roldán.
O cadro murciano está situado na terceira praza, aínda que lonxe de poder disputar de novo o título, a trece puntos das burelesas.