A Carreira de Montaña Montes de Viveiro (Camovi) presentou as súas credenciais en Madrid, nun acto na Casa de Galicia organizado polo Concello de Viveiro.
Durante o acto de presentación proxectáronse varios vídeos sobre a historia e evolución da Camovi, e sobre como se vai desenvolver o trail na súa novena edición, que se celebrará o 27 de abril.
“É a primeira vez que facemos a presentación fóra de Galicia e agradecemos esta oportunidade que nos deu o Concello. Aquí en Madrid temos moitos dos nosos participantes e tamén están os medios deportivos especializados, co que para nós é unha bonita experiencia e un apoio”, indica o director técnico da proba, Pedro Esmorís.
Un dos momentos máis emotivos do evento foi a proxección da peza audiovisual sobre a participación na pasada edición do ourolés Ramón Blanco, un mito do alpinismo, que completou a proba con 84 anos.
Na presentación estivo Adrián Ben, todo un atleta internacional que participou na Camovi con doce anos e que agora compite entre os mellores de Europa dos 1.500 metros.
“Gustounos a idea de poñer o contraste entre Ramón, cos 85 anos que ten agora, e Adrián, que correu desde pequeniño”, expuxo Esmorís.
Na presentación celebrada na Casa de Galicia, os asistentes poideron degustar produtos típicos de Viveiro e a súa contorna en cerámica de Otero Regal.
“PURO MONTE GALEGO”
A proba experimentou unha evolución meteórica nos seus nove anos de vida. No 2018 competiron 720 atletas, e a organización agarda que preto dun milleiro de persoas participen na carreira no 2019.
Baixo o lema “puro monte galego“, a carreira foi unha das probas pioneiras da especialidade en Galicia e consolidouse como unha das máis atractivas e singulares.
Cal é o gancho da Camovi? “Noutros trails o reclamo é o bosque, pero no caso da Camovi o percorrido permite ver sempre a costa e a ría, tela como referencia e desfrutar desa paisaxe. O trazado sintetiza os dous atractivos que ten o concello de Viveiro, tanto o mar como a montaña“, expón Esmorís.
ATLETAS DE PRESTIXIO
Esmorís precisa que a novena edición contará con referentes do trail a nivel estatal. “Estarán Aritz Egea ou Oihana Kortazar, ademais dos mellores da especialidade en Galicia”, sinala.
O director técnico afirma que o obxectivo para o vindeiro ano, o do décimo aniversario, é que a Camovi poda formar parte do campionato de España, ben de clubs ou ben de seleccións autonómicas.
PARA TODOS OS PÚBLICOS
Sen embargo, a Camovi é unha proba popular, que quere ser asequible tamén para os non experimentados.
Contará con seis modalidades diferentes: C42k (con 42 quilómetros de percorrido), C21k, C10k, C45k relevos, Camovi Kids -para nenos, con tres trazados distintos axeitados á idade, de 0 a 15 anos- e unha andaina popular.
O prezo desta última é de cinco euros, que serán doados á Asociación Española Contra o Cancro (AECC). Así mesmo, celebrarase un adestramentos solidario o 14 de abril. As inscricións poden realizarse neste enlace.
RETORNO ECONÓMICO
Asistiron ao acto o delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da casa de Galicia, José Ramón Ónega; a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; o voceiro do goberno provincial, Álvaro Santos Ramos; o edil do grupo de non adscritos Manolo Galdo, así como varios concelleiros do goberno local; o director técnico da Camovi, Pedro Esmorís; e o social media manager da proba, Horacio Albo, entre outros responsables da organización e autoridades.
O representante da Deputación destacou “a gran repercusión da Camovi”, que xera “un importante retorno económico para a localiade de Viveiro e para o conxunto da Mariña Lucense, polo elevado número de participantes e de acompañantes”.
Loureiro, pola súa banda, subliñou que o Concello aspira a que a Camovi “se converta nunha cita de turismo activo no calendario de deportistas de toda España, xa que se desenvolve nunha contorna paisaxística inigualable, polos montes máis elevados da ría de Viveiro”.