Un heroico Pescados Rubén Burela FSF, que mostrou unha personalidade de equipo gañador, anotouse a primeira Copa da Raíña da historia despois de derrotar por penaltis ao Futsi Atlético Navalcarnero. Ambos equipos demostraron ter mil vidas para sobrepoñerse ás alternativas no encontro e aguantar ata o final con opcións de acadar o título. Tralo empate (3-3) ao remate dos 40 minutos e das dúas prórrogas, Cilene desequilibrou a balanza a prol do equipo anfitrión.
A final foi o brillante colofón a unha Copa da Raíña que deixou momentos inolvidables -como o partido decisivo ou a despedida de Bea Seijas tras case tres décadas de traxectoria– e fixo que se respirase un fermoso ambiente de fútbol sala en Vista Alegre.
INICIO IMPOÑENTE DO FUTSI
O vixente campión da Liga Foro 16 Feminismo quixo marcar territorio desde o principio e no primeiro minuto e medio gozou de tres boas oportunidades. A primeira, de Amelia. A segunda, de Ari, con Cami chegando como un raio para abortar calquera segunda xogada tralo rexeitamento de Ana Romero. A terceira, con dous disparos consecutivos de Leti e Anita Luján bloqueados pola defensa do Burela FSF.
o inicio, cun atlético autoritario, sementou a incerteza na grada e fixo lembrar a vitoria branquivermella en liga no vista alegre
Unha excelente xogada individual de Bea Mateos, que se equivocou nas cercanías da área, anunciou a chegada ao encontro do Pescados Rubén. No minuto 3, Peque tivo a primeira oportunidade cun disparo que topou nas costas de Anita Luján. Pouco despois, a á-pivote madrileña combinou de marabilla con Dany e probou a Marta Balbuena, que demostrou a súa categoría como porteira. A gardameta do cadro branquivermello respondeu con solvencia de novo ante a 3 do Pescados Rubén.
ALTO RITMO NO PRIMEIRO ACTO
O Futsi tentou estirar liñas cun disparo de Leti ao longueiro, nuns primeiros cinco minutos de alto ritmo. Pero o Burela era outro equipo diferente ao dos compases iniciais do encontro, e Balbuena mantivo o empate a cero con paradas a remates de Peque, primeiro, e Lara, despois.
O equipo madrileño padecía e Cami gozou doutra boa ocasión cun disparo en posición franca que Balbuena enviou a córner. A gardameta estivo solvente na enésima aproximación do Burela FSF, tras habilitar a peche brasileira a Dany.
Tralo ecuador da segunda metade o Futsi gañou metros e Amelia non chegou a conectar con precisión coa cabeza un envío de Marta Pelegrín.
o pescados rubén entoouse co paso dos minutos e marta balbuena demostrou que é unha das mellores porteiras do mundo
POLÉMICA
Dúas accións polémicas de Leti sobre Peque e da ex xogadora do Pescados Rubén Gaby sobre Luci -con catro infraccións sinaladas sobre o cadro madrileño-, ademais dunha falta de Dany sobre a propia Leti, subiron a temperatura na pista e na grada.
No treito final do primeiro asalto, Balbuena respostou de novo pletórica de reflexos ante Dany e, a continuación, o Futsi estirouse por medio de Bruna Franklin, que topou con Romero. A xogadora brasileira do Atlético desperdiciou a oportunidade máis clara da primeira metade despois de rematar fóra cando quedara soa fronte á porteira murciana do Pescados Rubén.
Unha espectacular primeira metade, digna da final da competición que citou en Vista Alegre aos oito mellores equipos de España, rematou con todo por decidir e con detalles individuais que fixeron as delicias dos seareiros, como unha sutil ‘ruleta’ de Cilene.
SEGUNDO TEMPO
Á volta dos vestiarios, despois dun alto ritmo de xogo, o Burela FSF optou por esperar e ceder o balón ao Futsi. O conxunto burelao aproveitaba os roubos de balón e Dany tivo a primeira ocasión cun disparo cruzado que se foi fóra por pouco. Nunha xogada idéntica á que orixinou un gol e unha ocasión, Jozi buscou a Peque en longo, sen que a á-pivote madrileña conseguise rematar.
LETI ANOTA O 0-1
No minuto 26, Jenny conectou un forte disparo coa esquerda que volveu salvar Balbuena, un seguro de vida para o seu equipo.
A porteira do Pescados Rubén tamén mostrou as súas condicións pouco despois. Jozi realizou unha parada sensacional a un fungueirazo de Anita Luján.
dous erros na saída de balón custáronlle ao cadro anfitrión o 0-1 e o 2-2
No minuto 29, o Futsi cobrou vantaxe logo dun erro de Luci na saída do balón que aproveitou Leti.
REACCIÓN ORGULLOSA DAS ANFITRIOAS
O Burela FSF reaccionou con orgullo ante as dificultades. Segundos despois do tanto do Futsi, Dany probou de novo a Marta Balbuena, que despexou a córner co pé. Foi o preludio do empate, obra de Cami, que conectou un punteirazo coa alma que acabou coa resistencia da espléndida gardameta do Atlético. O gol animou a grada e ao Pescados Rubén, que tivo o 2-1 nas botas da pivote brasileira, que esixiu á gardameta do Futsi.
tras abrir leti o marcador, o burela remontou en comuñón cun vista alegre entregado
O Burela, en comuñón cun Vista Alegre entregado, completou o remonte cun tanto de Peque, que demostrou que é unha das futbolistas de máis talento do mundo. A futbolista madrileña conectou un soberbio remate cruzado que se quitou as teas de araña da portería de Balbuena. Era o seu sexto tanto nos tres partidos disputados polo Pescados Rubén na competición.
UN ERRO LOCAL CUSTA O 2-2
O Pescados Rubén pagou caro de novo outro erro, desta volta de Jenny. Bruna Franklin anotou o 2-2 e enmudeceu por un instante o pavillón burelao. O empate deixou K. O. por un momento ao Burela, e Jozi mantivo ao cadro anfitrión no partido tras salvar un remate de Amelia.
Nos instantes finais do encontro, Balbuena tamén tivo que empregarse a fondo para sacar co pé un remate cercano de Dany. Foi a última boa oportunidade do encontro, que rematou en táboas.
SUPERIORIDADE LARANXA NA PRÓRROGA
Xa no tempo extra, unha Dany xigantesca en todas as facetas, que foi a mellor futbolista do encontro, recuperou un balón que serviu a Cami, que se topou con outra resposta fenomenal de Balbuena. Acto seguido, a pivote brasileira manobrou de costas a potería e tentou superar con sutileza á gardameta do Futsi, pero o balón foise por pouco.
cunha dany xigantesca, o burela fsf mandou na prórroga ante un atlético superado
DOUS DOBRES PENALTIS ERRADOS
O Burela FSF estaba a ser superior na prórroga e o premio á súa insistencia chegou a doce segundos do remate da primeira metade, cunha ocasión inmellorable. O Futsi cometeu a sexta falta, forzada con intelixencia por Peque, e a especialista Tais Alves tivo un dobre penalti para sentenciar ao Atlético. Saíu Estela para facer pequena a portería e o remate da futbolista brasileira foise ao longueiro.
as faltas lastraron ao futsi e tais alves e cami tiveron dúas opcións inmellorables, pero erraron ante estela
Na segundo episodio da prórroga, o Futsi cometeu axiña a sétima infracción e desta volta Cami encargouse do dobre penalti. A peche brasileira disparou fóra.
O 3-3, A CINCO SEGUNDOS DO FINAL
Saír vivo de dous dobres penaltis en contra non animou ao Futsi, que estaba superado polo conxunto mariñao. A 41 segundos do final, a mellor xogadora do partido tivo premio a un esforzo descomunal. Dany asistiu a Peque, que superou a Balbuena e levou a ledicia ás gradas de Vista Alegre.
PEQUE marcou o 3-2 a falta de 41 segundos, pero leti arrefriou vista alegre cando a vitoria parecía segura
A felicidade durou pouco entre a parroquia local, pois o Futsi foi preciso co xogo de cinco e Leti estivo atenta para aproveitar un oco no segundo pau cando só faltaban cinco segundos para o desenlace.
PENALTIS
Decidirían os penaltis. Amelia, Cami, Bruna e Peque marcaron con seguridade. Ana Romero detivo o lanzamento de Ari e a Copa da Raíña quedou nas botas de Cilene, que mantivo a calma para darlle a Copa ao Burela FSF.
DEDICATORIA A NECO
O adestrador do Burela FSF, Julio Delgado, dedicou o título ao falecido Neco, que foi secretario técnico da entidade. “Fixo moitísimo polo fútbol sala feminino e tiña a espiña cravada de non poder dedicarlle algo grande. Foi a final soñada, nun ambiente inmellorable e este título é para el”, asegurou o técnico, que asegurou que o encontro “vai deixar pegada, pois foi un auténtico espectáculo e un recital de fútbol sala”.
“Co inicio do partido pasáronsenos pola cabeza cousas moi malas, pero demostramos ser un equipo maduro. Estivemos moi concentradas, hoxe (polo domingo) fomos un conxunto experimentado”, expuxo o técnico.
“MERECIAMOS ISTO”
Cilene, pola súa banda, remarcou que o Pescados Rubén Burela FSF “merecía esta Copa” despois de que se lle escapase a Liga ante o Futsi tras ceder só seis puntos en todo o curso, todos ante o cadro branquivermello. “Pelexamos moito, deixamos todo na pista esta campaña e algo tiña que quedar”, afirmou.