InicioDeportesJane desarma ao Futsi e dálle o terceiro título en catro meses...

Jane desarma ao Futsi e dálle o terceiro título en catro meses ao Burela FSF, a Supercopa

A á-peche brasileira, incorporada neste curso 2019-2020, anota un hat trick e guía ao Pescados Rubén, que segue a ampliar o seu historial

Publicada o

- Advertisement -

Da man dunha das súas fichaxes, a á-peche Jane, o Pescados Rubén Burela FSF desarmou (1-4) ao Atlético Futsi Navalcarnero e proclamouse campión da Supercopa de España, trofeo que se decidiu na Cidade do Fútbol de Las Rozas. É o terceiro título en catro meses para o equipo burelao, que segue a abrillantar o seu historial; en xullo levou na casa a Copa da Raíña, que lle permitiu competir este venres contra o vencedor da Liga Foro 16 Feminismo; uns días atrás, en Italia, acadou a Recopa ou Four Nations Women’s Cup Winner’s, entre os gañadores da competición do K. O. do país transalpino, Rusia e Ucraína.

As burelás non perderon a fame despois de lograr o seu primeiro trofeo continental e tardaron sete minutos en abrir o marcador. A internacional brasileira Jane comezou a súa gran noite co 0-1.

ANA ROMERO SALVOU DOUS DOBRES PENALTIS

O equipo burelao padeceu entón o asedio do equipo madrileño, que gozou de ocasións para empatar. A porteira do Pescados Rubén FSF Ana Romero salvou un dobre penalti lanzado por unha das grandes especialistas do mundo, Ari. Pouco despois, a veterana Leti atopouse co pau.

O Futsi perdoou e o Burela FSF non tardou en castigar a súa falta de acerto, pois Jane marcou o 0-2 segundos despois. Con todo, a acumulación de infraccións puxo de novo en atrancos ao conxunto mariñao. No minuto 17, o Futsi dispuxo doutro dobre penalti. María Sanz asumiu a responsabilidade, pero unha Ana Romero pletórica mantivo a renta do seu equipo, un botín co que as discípulas de Julio Delgado e máis Lucas chegaron ao descanso.

O FUTSI, INCAPAZ COA PORTEIRA-XOGADORA

O 0-2 ao intermedio deulle tranquilidade ao equipo burelao, que ampliou a vantaxe novamente por medio de Jane no minuto 25. Cinco despois, o Atlético optou polo xogo de cinco, coa ex do Pescados Rubén Gaby como porteira-xogadora. Foi en van. Malia que Amelia recurtou diferenzas, axiña Jenny Lores restituíu a vantaxe das mariñás.

CINCO DOS SEIS GOLES, OBRA DE INCORPORACIÓNS

O Burela FSF defendeu ben as acometidas do Atlético e non pasou atrancos malia defender en inferioridade. De feito, Jozi aproveitou para marcar desde a súa portería e aínda que Anita Luján obrou o 2-5, Ale de Paz puxo de seguido o 2-6 no marcador, completando a gran noite das incorporacións do Pescados Rubén; agás o da veterana gardameta brasileira, todos os tantos do equipo laranxa foron obra de xogadoras chegadas este verán.

SEGUNDA SUPERCOPA

É a segunda vez que o Pescados Rubén FSF se fai co título da Supercopa de España. A primeira vez foi no 2015.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...