InicioDeportesOportunidade perdida en Santa Coloma para o Burela FS

Oportunidade perdida en Santa Coloma para o Burela FS

O Pescados Rubén perde (5-2) unha ocasión para aproximarse a un rival directo ao caer na pista do conxunto catalán

Publicada o

- Advertisement -

O Pescados Rubén Burela FS segue a sufrir na Primeira División e este domingo colleitou unha nova derrota, desta volta na pista do Santa Coloma, un rival directo pola permanencia na máxima categoría (5-2).

O cadro catalán entrou ao encontro con máis forza e tivo o 1-0 no minuto nas botas de Verdejo, que desaproveitou unha falta perigosa. A continuación, unha dobre oportunidade dos locais foi o preludio do seu primeiro tanto, obra de David á saída dun saque de esquina.

O Pescados Rubén sacudiuse o dominio do FS García tralo 1-0 e Matamoros e Lucho puideron acadar o empate, pero toparon cun seguro Freixas.

O técnico local, Javi Rodríguez, parou cun tempo morto a reacción do equipo laranxa e acto seguido David marcou o 2-0, tras recibir un pase do propio gardameta. De aí ao descanso, Álex Diz non acertou coa portería dos cataláns e o ex do Burela FS Bruno Petry topouse con Edu, que mantivo ao Pescados Rubén no partido.

SEGUNDO ACTO

Á volta dos vestiarios, Joselito tivo a primeira boa ocasión para os da Mariña Lucense, pero Freixas demostrou de novo a súa categoría. O Santa Coloma non perdoou no minuto 28, cando Bruno Petry anotou un 3-0 que semellaba sentenciar o partido.

O cadro que adestra Juanma Marrube reaccionou de inmediato ao golpe e limou diferenzas no marcador grazas a Pitero.

No treito final, as cinco faltas acumuladas privaron ao conxunto burelao de poder arriscar máis na presión ao rival, pero os visitantes non se renderon. Nos últimos catro minutos, Juanma apostou polo xogo de cinco, pero o risco non deu resultado; ao contrario, Corso marcou o 4-1 a porta baleira.

O Pescados Rubén aínda non dixera, con todo, a última palabra; os burelaos non baixaron os brazos e Luisma asinou o 4-2 con algo máis dun minuto para o desenlace. Non houbo sorte e, en lugar de rabuñar algún punto, a colleita dos últimos segundos foi negativa para o Burela FS, xa que perdeu a Renato por expulsión. No penalti, Verdejo logrou o definitivo 5-2.

A VINDEIRA FIN DE SEMANA, OSASUNA

A vindeira fin de semana, o equipo da Mariña Lucense recibirá en Vista Alegre a un dos mellores equipos da máxima categoría, o Osasuna Magna Gurpea.

AS GUERREIRAS AVANZAN NA COPA DA RAÍÑA

O Pescados Rubén Burela FSF meteuse nos cuartos de final da Copa da Raíña, competición da que é o vixente campión, despois de derrotar (0-6) ao Viaxes Amarelle coruñés.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...