InicioDeportesAdrián Ben: "correr nese estadio, contra medallistas mundiais, foi unha pasada"

Adrián Ben: “correr nese estadio, contra medallistas mundiais, foi unha pasada”

O atleta viveirense descansa en Viveiro trala súa participación no Europeo absoluto de Berlín

Publicada o

- Advertisement -

Adrián Ben xa está de volta en Viveiro -ao fondo óese o balbordo das festas patronais- despois da súa participación no Europeo absoluto de Berlín, onde representou a España na proba dos 1.500 metros lisos. O corredor viveirense, que non puido alcanzar a final da especialidade, trae na mochila un montón de experiencias que seguro lle servirán no futuro.

O atleta mariñao sinala que competir no Europeo “foi unha pasada. Correr na mesma serie que un medallista mundial –Filip Ingebritgsen, bronce en Londres 2017-, vestir a camiseta da selección española absoluta nunha proba de tanta tradición coma o 1.500… É o que soñas desde pequeno”, asegura. Ademais, o ambiente do Olympiastadion era sobrecolledor. “Eu corrín pola mañá e xa había un montón de público. Pero ver 60.000 persoas nalgunha das xornadas foi impresionante”, resalta.

SERIE EXTRAÑA

Respecto da carreira, na que quedou descolgado da loita pola final na última recta, Ben sinala que “tentei estar na parte de cabeza o maior tempo posible e aguantei ata case o final pero foime imposible. Falamos de xente que corre a un ritmo de 3:30 e curtida, con algúns participantes de 30 anos”, expón.

A caída do gran favorito da serie, Filip Ingebritgsen, acelerou a carreira, dado que os rivais tentaron deixalo fóra. Esa circunstancia quizais prexudicou ao atleta viveirense, que non busca excusas. “Máis o prexudicou a el e ao francés, que foron os que caeron. Esta xente é capaz de caer e aínda así chegar a meta cerca de 3:30, cando a miña mellor marca era 3:39… Destrúete”, asegura.

O SEGUNDO MÁIS NOVO DA PROBA

Adrián, con 20 anos recén cumpridos, foi o segundo corredor máis novo dos 37 participantes, só por detrás do gañador. Ben asistiu desde o palco á exhibición do menor dos irmáns Ingebrigtsen, Jakob, que con só 17 anos non só levou o 1.500 senón que tamén gañou en 5.000. “É impresionante. Dicían que promete, pero é que xa chegou. Que se lle pode pedir máis?”, pregunta.

Que aprendeu Adrián nesta experiencia? “Que esta xente corre moito e que non somos nada”, ri. “Que se queremos que soe algún día o himno ou gañarlle a Jakob Ingebrigtsen hai que traballar día a día e con paciencia, sen perder a cabeza”, apunta.

CAMPIONATO DE EUROPA DE CROSS

Agora terá dúas semanas de vacacións e desfruta onde comezou todo, en Viveiro. “Toca desfrutar da familia e da comida”, ri, “pero xa teño ganas de empezar a tempada”, sinala. O vindeiro será o Campionato de Europa de cross, que se celebrará en decembro en Tilburg, Holanda.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...