O Pescados Rubén Burela FSF confirmou ao longo das últimas horas tres renovacións, a de dúas futbolistas importantes no bloque laranxa, Jenny Santos e Cris, e a do adestrador, Julio Delgado.
O técnico salmantino é un dos protagonistas do ciclo exitoso que está a vivir o equipo laranxa, o título máis recente o de Liga. Tras confirmar a súa continuidade, falou das dúas fichaxes confirmadas do bloque, a porteira Sandra Buzón e Elena Aragón. “(Á primeira) seguíamola desde hai tempo, poderanos axudar moito en portería para suplir a baixa de Ana Romero; a segunda achegará xuventude e agresividade. Creo que no aspecto defensivo imos mellorar moito”, argumentou o preparador do Burela FSF.
Pola súa banda, a internacional Cristina Pérez, ‘Cris’, renovou o seu contrato ata 2022. A pivote seguirá defendendo ás ‘Guerreiras‘ por terceira tempada tras unha dura lesión de xeonllo que non lle fixo perder o ánimo en ningún momento.
Tralo seu regreso en decembro do ano pasado, a xogadora non só demostrou a súa fortaleza no campo, senón que tamén viviu en primeira persoa algúns dos momentos máis duros durante a pandemia. Isto foi debido ao seu traballo como enfermeira e a súa axuda no servizo do sistema sanitario madrileño.
A súa volta aos partidos veu unida ao gran éxito conseguido no final de Liga disputado en xuño.
Finalmente, a internacional portuguesa Jenny Santos cumprirá o seu cuarto exercicio en Burela. O pasado curso foi a segunda mellor anotadora do equipo tras de Peque, con 14 goles.
Deste xeito, o Pescados Rubén FSF conta por agora para o vindeiro curso con Jozi e Sandra Buzón na portería; Cami como peche; Bea Mateos, Lara Balseiro, Peque, Jenny Santos e Ale de Paz como ás; Elena Aragón como universal; e Dany e Cris como pivotes.