Este venres tivo lugar a presentación da 58 edición da proba de piragüismo Travesía Ría de Foz, que se celebrará o vindeiro domingo a partir das 11.00 horas. Será a competición “máis triste” polo anuncio de Alcoa dun despedimento colectivo na planta de aluminio de San Cibrao. “Historicamente todas as directivas do Club Kayak foron empregados da fábrica, polo que a pesar de estar anunciando unha competición histórica, é un dos días peores da nosa historia”, sinalou Nacho Romillo, presidente da entidade organizadora.
Romillo estivo acompañado polo responsable da área de Deportes da Deputación de Lugo, Efrén Castro; o alcalde de Foz, Fran Cajoto; o tenente de alcalde, Xavier Fanego; a concelleira de Deportes, Gema Méndez; e Pedro López, secretario da asociación A Ribeira.
ALTA PARTICIPACIÓN “NUN ANO DIFÍCIL POLA COVID-19”
A proba, que puntúa para a Liga Galega, contará este ano coa participación de 315 palistas das categorías cadete, xuvenil, senior e veterano, chegados de 30 clubs de Galicia e Asturias.
Romillo, valorou “moi positivamente a participación na proba tendo en conta que estamos no final da temporada, nun ano difícil para todos pola situación sanitaria”. A área de Deportes da Deputación, segundo concretou o goberno provincial nun comunicado, achega 7.000 euros á celebración da proba, que se celebra de forma ininterrompida desde 1962.