InicioDeportesO Burela FS gaña a Copa Galicia tras remontar ante o Noia...

O Burela FS gaña a Copa Galicia tras remontar ante o Noia e completa unha xornada histórica para o club

Os goles de Álex Diz, Quintela, Pazos (2) e Javi Rodríguez anularon o 0-1 de Antonio Diz e deron aos de Juanma Marrube o seu segundo título da competición autonómica

Publicada o

- Advertisement -

O Pescados Rubén Burela FS completou un sábado que se lembrará na historia do club despois de derrotar ao Noia Portus Apóstoli na Gándara (Narón) e proclamarse campión da Copa Galicia, só unhas horas despois de que o equipo feminino dobregase ao Poio Pescamar e levantase o título da Supercopa de España.

O cadro laranxa comezou perdendo, pero axiña deu unha soberbia resposta ao 0-1. Antonio Diz, que se enfrontaba ao seu irmán Álex, abriu o marcador a prol do equipo coruñés no minuto 6. No 8, o propio Álex Diz atopou a portería do Noia malia disparar case sen ángulo, reestablecendo o empate.

Antes do cuarto de hora, unha combinación de David Pazos e Diego Quintela foi culminada polo xogador de Arzúa para adiantar ao Burela FS. O 2-1 fixo tanto ben aos da Mariña como mal ao seu opoñente, e segundos despois Pazos anotou o terceiro do equipo laranxa; no minuto 16, Javi Rodríguez cazou un centro de Pitero para culminar a reacción dos de Juanma Marrube. Cun minuto para o descanso, Pazos anotaría o 5-1, que deixaba a final vista para sentenza.

SEGUNDA COROA GALEGA

Álex Diz, Giasson e Renato aínda poideron ampliar a renda do Burela ante un Noia que non se rendeu, pero que acusou a rapidez coa que perdeu a súa vantaxe no marcador. No 33, o Noia tentouno con xogo de cinco, vestindo Armando a camisola de porteiro-xogador, pero Juanma Marrube non quixo perder o control do duelo e optou en canto puido pola mesma estratexia, con Javi Rodríguez como último home, para non permitir concesións ao rival. Nesta tesitura, Rangel marcou o 5-2 para o conxunto coruñés.

Non houbo máis incidencias no marcador e o conxunto da Mariña recuperou o título da Copa Galicia, que gañou no 2018 ao bater ao Santiago Futsal e perdeu no 2019 na final contra O Parrulo.

FICHA TÉCNICA

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Iago Míguez, Matamoros, Renato, Giasson, cinco inicial; tamén xogaron Lucho, Quintela, Álex Diz, David Pazos, Pitero, Javi Rodríguez.

Noia Portus Apostoli FS: Álex Pérez, Luisma, Pope, Rangel, Naranjo, cinco incial; tamén xogaron Antonio Diz, Javaloy, Armando, Lluc, Pirata, Rivera, Asensio, Raggiati.

Goles: 0-1, minuto 6, Antonio Diz; 1-1, minuto 8, Álex Diz; 2-1, minuto 14, Quintela; 3-1, minuto 15, David Pazos; 4-1, minuto 16, Javi Rodríguez; 5-2, minuto 37, Rangel.

Árbitros: Martínez Torres // Darriba Villamor. Por Burela amarela para Lucho, Quintela. Por Noia amarela a Antonio Diz.

Incidencias: Partido correspondente á final de XXIX Copa Galicia disputado no pavillón da Gándara de Narón. Edu recibiu o Trofeo Mellor Xogador MVP Concello de Narón da alcaldesa, Marián Ferreiro. O noiés Pirata foi recoñecido como Mellor Xogador MVP Munich.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...