Emoción na despedida de Juanma Marrube, que marcha “coa satisfacción do deber cumprido”

O técnico alfocego, a quen a directiva do Pescados Rubén Burela FS decidiu relevar, agradeceu ao club "a oportunidade" de adestrar ao primeiro equipo, ao que devolveu a Primeira

Juanma Marrube, na súa despedida como adestrador do Burela FS. PRBFS

O adestrador alfocego Juanma Marrube despediuse este mércores do Pescados Rubén Burela FS despois de que a directiva decidise relevalo no cargo.

O ata o de agora técnico do primeiro equipo masculino expuxo nunha rolda de prensa ter o sentimento do “deber cumprido” pechando unha etapa que “forma parte do camiño despois de 1.200 días” á fronte do cadro laranxa.

Despois de tres tempadas e media dirixindo o conxunto mariñao, ao que levou de novo á Primeira División, na súa despedida o ‘Mariskal‘, que como futbolista foi probablemente o xogador máis importante do club, mostrou o seu agradecemento.

DISCURSO DO ADESTRADOR

“Grazas ao club e directiva pola oportunidade. Grazas á familia do Pescados Rubén.

Grazas á afección, noteinos sempre preto e identificados co que transmitía o seu equipo.

Grazas aos xogadores destes catro anos. Todos, as catro tempadas. Todos axudaron a transformar isto.

Grazas aos empregados do club. Son un valor engadido, un activo importante.

E como non? Grazas ao corpo técnico: Mera, Tulio, Míchel, Cristina, Miguel, Javi Couce, Casiano, Antonio, Anselmo, Guillén… un gran labor desinteresado.

A Cristian, Mario… Á Base pola súa grande importancia, reflexo do primeiro equipo.  Todos me fixestes a vida máis doada.

Grazas por todas as mostras de apoio que estou a recibir, de adestradores, ex xogadores…

Como lles digo sempre aos xogadores, forma parte do camiño e da cómoda vida do adestrador.

Voume coa satisfacción de transformar un equipo, uns xogadores en algo máis que iso, de ter unha visión para o club e conseguila; coa satisfacción e a tranquilidade do deber cumprido.

O máis importante é o que deixas e iso significa deixalo en mellor lugar do que o atopaches. Foi un reto bonito.

Sempre estiven moi orgulloso de relacionar palabras con comportamentos, moi orgulloso de poñer rumbo e dirección, moi orgulloso de crear, manter e cumprir obxectivos. Os feitos para min son realidades.

Foron 1.200 días da miña vida de autenticidade, claridade, disciplina e coherencia. Sempre tratei de facer e facer máis, iso é o meu éxito.

A loita diaria reflicte a cultura que deixamos. Amo o que fago.

A viaxe continúa. Cando tes un porqué sopórtase calquera como. Agora toca a familia.

Grazas a Mariajo, Gabriel e Jimena. Agora toca devolvervos uns poucos deses días. Sodes o verdadeiro motor. Seguimos.”

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here