InicioDeportesDía “histórico” para o deporte feminino coa sinatura do convenio do Pescados...

Día “histórico” para o deporte feminino coa sinatura do convenio do Pescados Rubén FSF

O acordo entre o Burela, o primeiro equipo e a asociación de xogadoras, único en España, inclúe seguros de accidente e invalidez e renovación en caso de embarazo

Publicada o

- Advertisement -

O Pescados Rubén Burela asinou este martes coas futbolistas do primeiro equipo e con representantes da Asociación de Jugadoras de Fútbol Sala (AJFSF) o único convenio colectivo do deporte feminino en España.

Trátase dun paso adiante cara igualdade e o profesionalismo das mulleres no fútbol sala. As futbolistas do primeiro equipo laranxa tiveron contrato ao longo das pasadas tempadas, pero o acordo supón a blindaxe dos dereitos das xogadoras.

DEREITOS

Entre eles está a renovación automática en caso de embarazo, o compromiso de vacacións en datas sinaladas ou a disposición de dez días de asuntos propios para o coidado de fillos ou maiores.

O salario mínimo de 900 euros -cunha suba anual do 2%-, as axudas para a conciliación familiar -garderías, subvención para os libros de texto- ou son outros puntos destacados do convenio, que terá unha duración de dous anos.

O ACORDO, VÁLIDO POR DOUS ANOS, ESTABLECE UN SALARIO MÍNIMO DE 900 EUROS E UNHA COMPENSACIÓN DE ATA 100.000 POR INVALIDEZ

Ademais, o club compartirá os dereitos de imaxe coas xogadoras e incluíu un seguros de accidentes, con cantidades a percibir por falecemento de 70.000 euros, 100.000 por invalidez e 40.000 por inhabilitación para a práctica do deporte.

“UN PASO MÁIS”

O presidente da entidade laranxa, Manuel Blanco; as capitás, Bea Mateos e Joziane de Oliveira, e a presidenta da AJFSF, Natalia Orive, selaron o acordo na notaría de Burela.

O acordo, negociado ao longo dos último meses e vixente desde o pasado 1 de outubro, foi asinado ante o notario Ignacio Catania, que non aplicou ningún tipo de arancel polos seus servizos.

O presidente do Pescados Rubén Burela, Manuel Blanco, explicou que o convenio “é un paso máis na nosa aposta polo deporte feminino, a mostra definitiva e un feito lóxico, plasmar por escrito unha realidade”.

Orive, pola súa parte, sinalou que a sinatura do pacto foi “un momento histórico para o deporte feminino. Ogallá tivesemos 15 anos para vivir este momento da profesionalización do fútbol sala”, espuxo.

“este convenio racha coas inercias e co establecido. demostra que se pode se hai vontade”, di a asociación de futbolistas

Preguntada pola posibilidade de que outros clubs cheguen a acordos semellantes, Orive sinalou que “este convenio racha coa inercia e co establecido. Copiamos parte do convenio masculino, pero tamén introducimos cousas novidosas e distintas como mulleres que somos. O Burela FSF demostrou que se pode facer se hai vontade”, indicou.

De esquerda a dereita, Orive, Mateos, Blanco, Jozi e Sáez. AXM

AS XOGADORAS: “SENTÍMONOS VALORADAS”

Pola súa banda, Bea Mateos agradeceu ao club e ao patrocinador Pescados Rubén “o grande esforzo realizado”.

A outra capitá do cadro burelés, a brasileira Jozi, lembrou que noutros países “non temos modelos como a AJFSF, que traballa moitísimo, nin como a entidade, que nos fai sentir valoradas e facer da nosa paixón a nosa profesión e o noso día a día”.

Por último, o vicepresidente do Burela FS, José Luis Sáez, asegurou que a loita pola igualdade “demóstrase con feitos e non con palabras, cun desembolso económico importante do noso patrocinador”, e falou sobre a negociación.

A PÓLIZA DE SEGUROS, “O MÁIS COMPLICADO”

Chegar a un acordo foi doado pola boa vontade de todos. O máis complicado foi acadar a póliza de seguros. Non foi fácil atopar unha compañía que nos permitise ofrecer unha indemnización ás xogadoras no caso de que non poideran seguir no deporte co que gañan a vida”, precisou.

ÚNICO NO DEPORTE FEMININO ESPAÑOL

O convenio colectivo asinado polo Pescados Rubén Burela FS non é o primeiro do deporte feminino español, pero si é ata agora o único vixente.

O CONVENIO APROBADO NO 2008 POLO BALONCESTO NON DUROU E OS CLUBS DE FÚTBOL NEGOCIAN COS SINDICATOS

En xaneiro do 2008, o baloncesto español converteuse en pioneiro coa aprobación dun acordo que non durou e que na actualidade carece de validez.

A Asociación de Clubs de Fútbol Femenino, que xunta a 14 dos 16 equipos da Primeira División -agás Athlétic Club de Bilbao e FC Barcelona– e os sindicatos negocian a aprobación dun convenio.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...