EFE. Os traballadores da planta da multinacinal metalúrxica Alcoa na Coruña comezaron a apagar a primeira das dúas series do proceso de electrolise, que continuará co arrefriamento e desconexión da segunda a principios da semana que vén para deter a produción de aluminio primario.
O apagado das series de electrolise forma parte do acordo alcanzado entre a empresa e o cadro de persoal para manter os postos de traballo ata o 30 de xuño, se ben este plan está condicionado a que conclúan o proceso de desconexión e deixen de producir aluminio primario antes do 1 de marzo.
Deste xeito, a serie 1 de electrolise comezou a parada das 50 cubas activas das 128 que dispuña, mentres que a serie 2, con 120 cubas activas dun total de 144, será desconectada a vindeira semana.
As series de electrolise, que levan anos producindo ao 70% da súa capacidade, teñen que ser arrefriadas pouco a pouco para evitar que as cubas, que alcanzan valores superiores aos 950 graos para poder separar o osíxeno do aluminio, rachen durante o proceso polo cambio brusco de temperatura.
A dirección en España da multinacional estadounidense comprometeuse a investir 20 millóns para pór en marcha as series de electrolise, no corazón da fábrica, no caso de que apareza un comprador.
OFERTAS
Tras anunciar o pasado luns que “xa se avalían ofertas” para as plantas de Alcoa Coruña e Avilés, a ministra de Industria, Reyes Maroto, reuniuse este martes reuniuse cos traballadores da fábrica coruñesa.
Maroto anunciou a creación dunha mesa de seguimento de Alcoa que “se porá a traballar en menos dun mes” para dar “unha solución definitiva” aos obreiros de Avilés e A Coruña.
ESTATUTO
No tocante ao estatuto para a industria electrointensiva como gran consumidora de enerxía, a ministra comprometeuse a levalo ao Congreso dos Deputados en “menos de dous meses” e a tramitalo “en menos de tres” para favorecer a aparición de compradores.