InicioEconomíaXunta e Goberno soben o ton sobre Alcoa, con San Cibrao "gravemente...

Xunta e Goberno soben o ton sobre Alcoa, con San Cibrao “gravemente ameazada” segundo Feijóo

O presidente da Administración galega afirma que está "preocupado polos postos de traballo" e o Executivo acúsao de perder 800 empresas en Galicia durante a etapa de Rajoy

Publicada o

- Advertisement -

EFE. A Xunta de Galicia e mailo Goberno central endureceron este mércores o ton sobre a situación de Alcoa, cuxa planta de San Cibrao está “gravemente ameazada” segundo o presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo.

O xefe do Goberno galego asegurou que a súa intención “non é alarmar a ninguén” pero sinalou que está “seriamente preocupado polos postos de traballo” da planta de Cervo tralo anuncio da multinacional de que a factoría de aluminio está “en risco” se non se aproba un estatuto do consumidor electrointensivo máis satisfactorio para as grandes empresas.

A planta de aluminio do complexo industrial cervense emprega a 600 traballadores, por outros 600 obreiros da fábrica de alúmina, aos que habería que engadir outros 600 postos de traballo de empresas auxiliares.

Nunha entrevista concedida a Cope Lugo, Feijóo insistiu en que “o problema de Alcoa é o prezo da luz”. Case o 40% dos custos de produción da fábrica de aluminio corresponden á factura eléctrica, de modo que, argumentou, “se non baixa, entraremos nunha situación de colapso“.

“se o prezo da luz non baixa, o aluminio entrará nunha situación de colapso”, advertiu

O presidente da Xunta criticou ao Goberno de España, do que dixo que “leva perdendo o tempo seis meses”. Sinalou que “non atopa sentido” a que o Executivo siga prolongando o problema “porque unha multinacional norteamericana que pechou centros de traballo en Estados Unidos está avisando”.

ALEGACIÓNS AO ESTATUTO

O presidente do Executivo galego confía en que o Ministerio de Industria escoite as alegacións presentadas ao borrador do estatuto do consumidor electrointensivo que regulará o o marco do sector porque, dixo, “foron consensuadas cos traballadores, coas operadoras e coas propias empresas afectadas”.

Nese senso, insistiu na necesidade de crear un “sistema específico” para as empresas que utilizan precisamente a electricidade como materia prima nos seus procesos industriais.

O GOBERNO: O PP DESTRUÍU “7.000 EMPREGOS”

Pola súa banda, o delegado do Goberno central en Galicia, Javier Losada, esixiu este mércores a Feijóo que “reme a favor dunha solución, sen derrotismos“, e afeoulle ao presidente da Xunta “que sempre poña algunha dúbida sobre a actuación do Executivo co sector industrial, algo que é pouco exemplar“.

Nunha visita ao Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (Cetal), Losada asegurou que “Feijóo sabe perfectamente que hai investidores interesados nas fábricas da Coruña e Avilés, malia que exprese as súas dúbidas en público.

De feito, lembrou que “durante os anos de Goberno en Madrid de Rajoy e Feijóo destruíronse 800 industrias en Galicia e máis de 7.000 empregos na comunidade. É a historia real da política industrial do presidente da Xunta”, espetou. Por iso, argumentou Losada, debera pensar que o Executivo socialista “está a facer o que nunca se fixo, dotar ás electrointensivas dun estatuto propio”.

Neste senso, recordou que o Consello de Ministros autorizou a semana pasada a concesión de 91 millóns de euros en compensacións de custos indirectos de emisións de CO2 para a industria electrointensiva, e que o Goberno está “aberto” a elevar a 200 millóns as subvencións.

O BNG PIDE “NON INTOXICAR A OPINIÓN PÚBLICA”

A voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, reclamou este mércores aos outros partidos que ofrezan “solucións definitivas e estables” para a situación de Alcoa e a industria electrointensiva no lugar de “distraer” e “intoxicar a opinión pública“.

Logo dunha xuntanza con obreiros da planta da Coruña, Pontón afirmou que “está en xogo o pan de moita xente” e que o futuro do aluminio “debe estar fora do pim pam pum electoral“.

Neste senso, a responsable do BNG denunciou a “temeridade” de Feijóo, quen asegurara non crer “que haxa compradores de Alcoa para manter a planta como está”, unhas declaracións que tamén foron criticadas polo presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho.

Pontón reivindicou novamente un marco enerxético específico para Galicia. “É un disparate que teñamos un só posto de traballo en risco polo prezo da electricidade cando somos un territorio exportador”, denunciou.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...