O presidente do comité de empresa da factoría que a multinacional Alcoa ten no municipio lucense de Cervo, Xosé Paleo, confirmou que este venres personal do gabinete da ministra de Industria, Reyes Maroto, chamou para establecer contacto cos representantes dos traballadores na factoría da Mariña Lucense, que reclamaron unha entrevista con ela.
En declaracións a Efe, Paleo precisou que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, comprometerase co comité de empresa, no transcurso da visita que realizou á planta de Cervo, a xestionar unha reunión coa propia ministra de Industria, pero “até este venres” non tiveron novas das xestións supostamente realizadas polo líder dos socialistas galegos.
“Chamounos o gabinete”, explicou Paleo, e aínda que “parece difícil que poida producirse esa reunión antes das eleccións xerais, que son o 28 de abril”, non se descarta que o encontro solicitado polo comité de empresa se produza, finalmente, “co secretario xeral de Industria, Raül Blanco”.
Despois dun primeiro contacto, aclarou Paleo, “o gabiente da ministra quedou en volver chamarnos” para tratar de atopar unha data para esa reunión.
Para o comité de empresa de Cervo é fundamental que o Ministerio de Industria teña información de primeira man en relación coas “características” da factoría de San Cibrao, porque “non ten nada que ver coas outras dúas plantas”, as de A Coruña e Avilés, que Alcoa ten en proceso de peche.
“Queremos explicarlle que aquí hai dúas fábricas, e que unha é electrointensiva -aluminio- e outra non o é. Tamén queremos explicarlle o que supón esta planta para a comarca da Mariña Lucense” e para o Produto Interior Bruto (PIB) da provincia de Lugo.
Estímase que o complexo industrial dá traballo a máis de 1.800 empregados -incluíndo empresas auxiliares-, e que supón un terzo do PIB de Lugo.
O comité demanda tamén “información de primeira man”, ao non estar presente nas mesas de negociación relativas ao futuro das plantas da Coruña e Avilés.
REUNIÓN CON UNIDAS PODEMOS
O comité de empresa de San Cibrao recibiu este venres a unha delegación de En Común–Unidas Podemos, integrada por Rafa Mayoral, Yolanda Díaz e Vanessa Somoza.
O secretario de Relación coa Sociedade civil e Movementos Sociais de Podemos incidiu na idea expresada polos obreiros, que a solución ao problema enerxético é unha cuestión de vontade por parte do Goberno.
“Hai un problema estratéxico no noso país que é ter unha aposta industrial potente. Se temos un proxecto político que quere ter industria, hai que tomar unha serie de medidas para garantir que hai industria“, afirmou Mayoral, que engadiu que o Estado “non pode ter unha relación coas multinacionais de subordinación“.
Pola tarde, en Ferrol, o dirixente de Podemos asegurou que a súa formación usará “o Boletín Oficial do Estado (BOE) e a forza parlamentaria para lexislar a favor da maioría social e defender os intereses da clase traballadora“.