O comité de empresa de Alcoa San Cibrao convida á veciñanza da Mariña Lucense a acudir á manifestación, o vindeiro sábado na Coruña, convocada pola industria electrointensiva galega para reclamar ao Goberno central unha tarifa eléctrica “competitiva e estable” que facilite a viabilidade das plantas.
Os representantes dos traballadores piden aos mariñaos e aos traballadores tanto das fábricas como das empresas auxiliares que se manifesten trala ameaza da multinacional, que asegurou que a factoría de aluminio de Cervo “é inviable” sen unha mellora do prezo da enerxía eléctrica, que supón o 40% dos seus gastos de produción.
Os comités de empresa de Alcoa A Coruña e San Cibrao, Ferroatlántica Sabón e Cee-Dumbría e Celsa Atlantic asinan a convocatoria. A protesta partirá da Praza da Palloza, desde as 12.00 horas, para rematar na Delegación do Goberno, na que se fará unha concentración.
INSCRICIÓN
O comité de empresa fletará autobuses para quenes queiran respaldar a marcha. Para anotarse hai que chamar ao teléfono 982.55.55.00, coas extensións 1179, 1491, 1446, 1493, 1492, indicando nome, número de teléfono e parada.
O horario das paradas é aproximado: estación de Viveiro (8.30 horas), casa do mar de San Cibrao (8.50), marquesiña da estrada xeral de Cervo (9.00), Banco Pastor de Burela (9.10), pavillón de Marzán de Foz (9.30), e restaurante Asador de Barreiros (9.45 horas).
Ao remate da manifestación disporase de dúas horas para comer, antes do regreso.
VENTA DE FERROATLÁNTICA CEE-DUMBRÍA
O Grupo Villar Mir vendeu FerroAtlántica Cee-Dumbría ao fondo TPG Sixth Street Partners por 170 millóns de euros, segundo informou Ferroglobe.
“Queda garantida a viabilidade das fábricas, de forma que desde o punto de vista legal creo que non hai nada que obxectar”, destacou o portavoz do comité Juan Villar.
En declaracións a Europa Press, ademais, Villar explicou que a empresa adquiriu “compromisos que reforzan a viabilidade e o futuro do centro”, como o arranque de “todos os fornos en xullo” e a retirada do expediente de regulación de emprego temporal (ERTE). Podes consultar a información completa no Galicia Confidencial.