Os arredor de 2.000 persoas cuxo emprego que depende do complexo industrial de Alcoa en San Cibrao e mailas súas familias permanecen atentas ao resultado da subasta de interrumpibilidade, que desde este luns ata o vindeiro día 21 puxo en xogo 2.400 megavatios (MW) de potencia interrumpible para os grandes consumidores de electricidade.
A multinacional cualifica de “moi importante” o resultado da poxa para “a viabilidade” da planta de aluminio de Cervo, altamente dependente da enerxía eléctrica e que ofrece arredor de 1.000 empregos entre directos e indirectos.
A luz supón o 40% dos gastos de produción da factoría, e, segundo a compañía, “o custo da enerxía de San Cibrao neste ámbito supera nun 50% ao que se afronta noutros países competidores”.
Fontes da multinacional, que non participará na subasta por Avilés e A Coruña, plantas en proceso de peche se non atopan comprador antes do 30 de xuño, afirman que a poxa “non pinta ben” para os intereses de Alcoa debido á redución dos bloques ofertados e á baixada dos prezos de inicio, que posibilitará participar a máis compradores. Agárdase que participen unhas 125 empresas.
REDÚCENSE OS BLOQUES GRANDES
O total de MW ofertados para o segundo tremestre do ano é un 8% menos do ofrecido o ano anterior (2.600).
O Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital convocou a subasta, que administrará a Red Eléctrica de España (REE) no recinto feiral Ifema de Madrid. Repartiranse 352 bloques de produto de 5 MW, para un total de 1.760, e outros 16 paquetes de 40 MW, 640 en conxunto.
Estes últimos, dos que se porán en venta cinco menos que na subasta para o primeiro semestre do ano, son os que interesan a Alcoa.
OS PAQUETES MEIRANDES, 50.000 EUROS/MW MÁIS BARATOS
No tocante aos prezos, tamén se producirá unha rebaixa no importe de partida. No caso dos produtos de 5 MW situaranse en 125.000 euros/MW, mentres que nos paquetes de 40 MW a rebaixa será maior, de 50.000 euros/MW, dos 200.000 euros/MW da subasta de finais do pasado curso aos 150.000 actuais.
Como é habitual, a empresa límitase a asegurar que buscará “o maior valor posible” na subasta e non realiza ningún tipo de valoración ata que o Comité Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) valide os resultados.
A interrumpibilidade trátase dun sistema de subastas que permite que as empresas que máis electricidade consomen reciban unha retribución a cambio da súa dispoñibilidade para desconectarse da rede en casos de emerxencia para o subministro.
“SEN NOVAS” DO ESTATUTO
Alcoa citou o prezo da enerxía como un hándicap para a viabilidade da fábrica de aluminio de San Cibrao, e chegou a asegurar que o centro produtivo “é inviable” sen unha rebaixa do custo da luz.
Neste senso, as fontes da multinacional aseguran que “non sabemos nada” sobre a aprobación dun estatuto do consumidor electrointensivo, prometido polo Goberno central desde o pasado ano.
VENTA DE AVILÉS E A CORUÑA
As mesmas fontes si se pronunciaron sobre as opcións de venta das plantas coruñesa e avilesina e anunciou que, malia que traballadores de Avilés visitaron as instalacións de Quantum en Hannover (Alemaña), Alcoa enfócase “exclusivamente” na oferta do fondo suízo Parter Capital.
Segundo Alcoa, trátase da oferta que ofrece “oportunidades de futuro” para as dúas plantas, incluída a posibilidade de recuperar a produción de aluminio primario, da que a fábrica de San Cibrao é actualmente a única que hai en España.
Ademais, Alcoa asegura que Parter Capital é a única ofertante que aceptou manter durante alomenos dous anos os empregos e as condicións laborais para os traballadores.